Carlos Riveira: «O obxectivo é establecer rutinas, non sanar animais vía online»

Crítico coa situación dun sector que vive unha crise tras outra, o veterinario pastoricense creou un servizo gratuíto de veterinaria online
Carlos Riveira.
photo_camera Carlos Riveira.

O VETERINARIO Carlos Riveira acaba de poñer en marcha unha iniciativa solidaria para aportar o seu gran de area á difícil situación do rural, un servizo de consultas gratuitas a través do Facebook Boa Saúde e do whatsapp.

Como xurde esta idea e por que agora?

É algo que levaba tempo madurando para aportar algo práctico, mais aló das palabras ou as boas intencións. É un xesto pequeno, acorde aos poucos recursos de medios e tempo dos que dispoño, pero a situación de crise estase a cronificar e hai poucos visos dunha mellora a curto prazo. Se dalgún xeito podemos evitar enfermidades aliviaremos en menor ou maior medida as cargas ás que debe enfrontarse o sector.

Cal é o obxectivo?

É unha comunicación entre persoas, xente do sector buscando solucións prácticas, porque de oír falar teorías e estatísticas que sempre redundan no mesmo xa imos cansos. Do que se trata é de establecer pequenos protocolos de actuación con medidas preventivas para minimizar a incidencia de patoloxías ou problemas produtivos, adaptados ás circunstancias de cada explotación, baseados nos datos que nos trasladan. É unha aproximación, un primeiro paso para establecer rutinas necesarias, que ten que perfeccionar o gandeiro co apoio de servizos veterinarios propios, posto que non é o meu obxectivo sanar animais vía online, sería algo ridículo.

"É unha comunicación entre persoas, xente do sector buscando solucións prácticas, porque de oír falar teorías e estatísticas que sempre redundan no mesmo xa imos cansos"

Hai conciencia de prevención?

Vivimos tempos da ‘cultura do interruptor’, precisamos respostas inmediatas e resúltanos difícil asumir tarefas adicionais para previr enfermidades que aínda non temos diante, e cando aparecen esperamos da menciña que restableza a situación no tempo máis curto posible sen necesidade de incidir antes nos aspectos ambientais ou nutricionais. Mais esa é unha visión distorsionada do concepto de saúde. Vai sendo tempo de que teñamos unha visión máis integradora e realista. Unha saúde única que nos atinxe tanto aos humanos coma aos animais e os vexetais integrados nun contorno que debemos preservar.

Antes a venda que a ferida?

Sempre. O mellor remedio para enfrontarse a unha enfermidade non virá endexamais nunha pastilla ou unha xeringa, o mellor é procurar estar san.

Cales son os principais problemas que se atopa nas explotacións?

Os problemas sanitarios veñen determinados polo sistema de produción, pero a gran maioría das patoloxías de carácter endémico teñen coma orixe o escaso control sobor do ambiente esóxeno (contorno, auga, insumos externos, adquisición de gando) e pautas erróneas no manexo do gando. Nas explotacións intensivas melloramos aspectos de parasitoloxía e infeccións do aparato respiratorio, pero increméntanse os problemas relacionados coa maior produción, lesións do aparato locomotor ou reprodutivo. Naquelas granxas nas que o gando sae a pacer, as taxas reprodutivas son mellores, minimízanse os problemas infecciosos e locomotores e debe incidirse máis no control de parásitos. Porén, cada explotación é un mundo.

O sector, sempre está en crise?

Tódalas crises do sector lácteo son un calco, coa perpetuación dos mesmos factores: nulo control de leite importado, industria transformadora feble e pouco diversificada, modelos de comercialización agresiva das grandes distribuidoras. Agora ben, nesta hai una circunstancia que agrava a situación, aparte do mantemento prolongado dos baixos prezos, e é o grao de endebedamento financeiro que as explotacións adquiriron para realizar as adaptacións que no seu momento se lles aconsellou para ser competitivos nunha Europa sen cotas.

"O mellor remedio para enfrontarse a unha enfermidade non virá endexamais nunha pastilla ou unha xeringa, o mellor é procurar estar san"

Cal é o reto e as necesidades?

O reto máis inmediato pasa por soportar a travesía no deserto da mellor maneira posible pois poucas medidas pode tomar unha explotación que sexan efectivas a curto prazo. A necesidade, por riba das medidas económicas urxentes para poder manterse en pé, ten tan só un nome: respecto, por parte das industrias, da distribución, respecto institucional e valentía á hora de defender os dereitos e intereses do campo, e respecto na sociedade e entre a xente do rural para apoiarse para buscar solucións conxuntas. De pouco serven medidas adicionais de impacto inmediato coma a inxección económica se non se corrixen factores que inciden en manter prezos en precario.

Hai futuro para o rural?

Sempre hai posibilidades, pero fai falla crer nas posibilidades, que estean fundamentadas e teñan unha identidade. A nivel europeo estamos nun momento de encrucillada. Galicia ten unha baza xeoestratéxica importante debido as condicións climáticas e os recursos hídricos. Os modelos de explotación que se establezan no territorio deben ser intelixentes e integrados no medio sabendo aproveitar os recursos de forma eficiente.

Que posibilidades de diversificación hai no sector agrario?

Estamos a experimentar un incremento na demanda interna de produtos de calidade que ofrecen ao consumidor maior grao de confianza e hai interese polo tradicional ou transformado na explotación.

Comentarios