Carlos Reigosa pone a la Santa Compaña a investigar una violación en A Mariña

Carlos Reigosa dálle unha nova dimensión á Santa Compaña. A maiores de conducir almas defuntas pola parroquia na que finaron adiante, puxo os seus membros que vagan en pena a investigar unha violación acontecida súa nova entrega literaria, ‘A lei das animas’  (Galaxia).

O argumento do escritor pastoricense é que «investigan un delicto cometido contra un morto; hai unha violación durante a que a vítima morre, pero a violación segue, polo que incumbe á Santa Compaña».

A trama ten por primeira ambientación a praia das Catedrais, en Ribadeo, dende onde unha parella regresa á casa no medio da néboa. Daquela prodúcese un crime. O estudo dos feitos encárgalle a un personaxe habitual xa en Reigosa, o capitán da Garda Civil Agapito Landín, e non faltan os dous de sempre nas novelas do pastoricense: o investigador Nivardo
Castro, que acude por encarga dun irmán da vítima, e Carlos Conde, polo seu labor de xornalista. Ambos os dous van canda Reigosa dende a exitosa ‘Crime en Compostela’.

A pesar de concentrar varios investigadores arredor do crime, Carlos Reigosa reserva o traballo dedutivo para o garda civil e a Santa Compaña, e sitúa aos seus dous protagonistas habituais no plano das testemuñas dos feitos, achegando «as súas percepcións e reflexións para que actúen coma cómplices dos lectores».

O autor explica que é unha historia «distinta» doutras deles porque o autor non quería facer «unha novela de intriga». «Aínda que uso técnicas dese tipo de novela para poñela ao servizo de crenzas deste país noso». Xustifica así o seu interese en que o libro leve como subtítulo ‘A novela da Santa Compaña’, porque trata de recuperar esta tradición, «que é unha das moitas que están desaparecendo coa caída do mundo rural». A causa, a maiores do desinterese da mocidade, é que «deixamos de crer nelas e os antropólogos estudan nas universidades temas máis internacionais».

Carlos Reigosa aplícase nesta loita persoal coas súas armas, que son as literarias. «Fago por rehabilitar a Santa Compaña dun xeito moderno, con personaxes contemporáneos, como poden ser gardas civís, e demostrar que as nosas crenzas serven para facer literatura actual tanto como os poltergeist alemáns ou as lendas irlandesas», comenta o novelista. Subliña que non inventa, senón que recupera unha tradición para situala no seu rego narrativo.

Para reforzar esa visión matiza que no se fala de lendas, senón «de crenzas do noso pobo», «A miña nai conta como mirou pasar as luces da Santa Compaña diante da casa de Guillermo de Foxo, en Bretoña, e, ao día seguinte, Guillermo de Foxo estaba morto». Procurando manterse dentro dese espírito tradicionalista non lle dá á Santa Compaña «outra arma ca que ten de meter medo».

A elección da Mariña para ambientar esta historia, que logo ten continuidade na Terra Cha, débese a que «son espazos nos que tivo moita intensidade esta crenza». En canto a praia das Catedrais —da que reivindica o seu nome de vello, Augasantas—, por ser unha oportunidade de «presentar un espazo que era coñecido alí, pero non para os que ían á praia en Reinante, que nin se achegaban».

Comentarios