Carlos Méndez: "A madeira fainos sostibles, pero os usos sociais diferénciannos"

"Son da rúa Rosalía de Castro de Viveiro, teño 54 anos, estou casado e teño tres fillos. Traballo na oficina do Catastro do Concello e dende hai uns meses teño a honra de presidir a comunidade de montes de San Roque, Monte Maior e Penedo do Galo de Viveiro, a máis importante da Mariña"
Carlos Méndez
photo_camera Carlos Méndez

Carlos Méndez foi elixido presidente da comunidade de montes de San Roque tralo falacemento do seu predecesor, Manuel Soto, que levaba case 20 anos no cargo e co que traballou moi de preto. Entrou na xunta reitora no 95 como delegado de subvencións e estivo ata o 99. Foi tesoureiro ata este ano.

Como leva estes primeiros meses á fronte da comunidade?
Era o tesoureiro e estaba bastante unido ao antigo presidente, sabía os entresixos da comunidade, así que o vou levando ben dentro do que cabe. O que si fixen foi delegar algunhas cousas porque teño que compatibilizar o cargo co meu traballo. Dedícolle as tardes.

Que obxectivos ten para estes anos de mandato?
Un dos principais é repoboar unha superficie de 32,96 hectáreas, 25,25 delas de eucalipto e 7,71 de piñeiro, o que nos suporá un custo aproximado de 49.000 euros. Para este ano estaban previstas 3,20 hectáreas de piñeiro, para o 2017, 2 hectáreas de piñeiro e 8,50 de eucalipto globulus e nitens, para o 2018 o mesmo e para o 2019, 8,60 hectáreas de nitens na última zona que se cortou.

Como planifican a xestión dos montes?
A comunidade ten un proxecto de ordenación que nos marca onde e cando temos que cortar e repoboar para garantizar a persistencia das zonas arboradas. Obtemos rendibilidade cada un, dous ou tres anos dependendo das cortas programadas e xestionámolo todo a través dun equipo técnico, Cerna Ingeniería, co que fomos a primeira comunidade de montes do norte en obter a certificación FSC, que garantiza que a madeira ten a súa orixe en bosques ben xestionados e que proporciona beneficios ambientais, sociais e económicos.


Carlos Méndez declárase un amante dos deportes en xeral e do fútbol sala en particular, aínda que tamén lle gusta ver o fútbol, en especial cando xoga o Depor

 
Sitúanse á cabeza das comunidades de montes da zona?
Non coñezo ningunha outra na Mariña máis importante pola súa diversidade de actividades. Non temos o uso clásico madeireiro, senón que temos unha área recreativa cun uso social, temos uso gandeiro, micolóxico e eólico, que xunto co primeiro é o que nos dá unha economía sostible.

A área recreativa, co miradoiro sobre a ría, é unha das zonas máis visitadas de Viveiro. Depende da comunidade a súa xestión?
Si. Facemos coidados de mantemento do chan, da capela de San Roque tanto por dentro como por fóra, das mesas e bancos, que sempre hai algún vándalo que vai por alí, e tamén do alumeado público, que dá os seus quebradeiros de cabeza e no que este ano queremos empezar a substituir as bombillas antigas por outras led.

Teñen algunha novidade do parque de animais?
Este verán naceu un burro que foi a gran atracción, porque tódolos nenos se querían fotografar con el, e nós encantados. Con este temos catro burros, tres ponis, ñandús e ovellas de Camerún, á parte de dous mastíns que nos coidan todo aquilo. Tamén temos 20 gamos.

Sufriron ataques de lobos nos animais que teñen soltos no monte?
Hai uns 20 comuneiros que teñen vacas e cabalos e o ano pasado si houbo algún ataque, pero neste non. Si observamos que hai algún raposo, pero galiñas non temos, entón non nos fixeron grandes estragos (bromea). Fíxonos máis o xabarín, sobre todo na área recreativa, xa que levanta o céspede e despois hai que arranxalo.

Cantos comuneiros son e que outras actividades realizan?
Somos uns 250 e temos dúas actividades fixas no ano. Unha é o día do comuneiro, unha merenda cea para todos, e a outra o día da árbore, que facemos en colaboración co Centro Comercial Histórico e cos colexios, e que consiste en que os nenos planten no monte os abetos que estes días decoran as entradas dos comercios de Viveiro.

Este ano tamén tiveron unha iniciativa de Nadal, non si?
Si, colocamos na fachada da ermida unha estrela de Belén de 7,20 metros lineais que se ve no alto do monte dende Viveiro. Quixemos colaborar con estas datas e dende que a puxemos foi moita xente vela, porque o miradoiro está completamente iluminado.

Sempre lle gustou o monte?
Especialiceime en topografía e iso conleva estar ao aire libre, levo medidos moitos montes. O monte en realidade gústame, aínda que agora teño un punto de vista diferente. Antes era por traballo e agora unha cousa altruísta na comunidade de montes.

Tivo moito lío coas revisións catastrais do último ano?
Foi un ano de bastante traballo. Á xente chéganlle esas cartas negras que parece que son de Facenda e veñen incluso sen abrila, pero fomos explicando, mirando se había que facer algún recurso, e fómolo resolvendo bastante ben.

Comentarios