O MÁIS VETERANO. Carlos López Crespo: "Afronto esta nova etapa no Parlamento coa mesma ilusión que cando entrei en política"

O deputado máis veterano na nova lexislatura gobernou Outes durante 21 anos con seis maiorías absolutas, unha cifra que ve "difícil" que alcance o PP en Galicia, pero afirma que con Feijóo "todo é posible"
Carlos López Crespo (Coirós, 1949).
photo_camera Carlos López Crespo (Coirós, 1949).

¿Está satisfeito cos resultados?

Moi satisfeito, creo que na situación na que estamos repetir maioría por terceira vez é un resultado moi bo. Tanto no conxunto de Galicia como na comarca do Barbanza e no propio Concello de Outes, onde o PP acadou o 59% dos votos.

¿Contaba cunha vitoria así?

Esperaba resultados bos, pero tamén é certo que nas campañas afloran certas dúbidas. Non sabiamos, por exemplo, que acollida ían ter os partidos novos entre a xente, aínda que sempre confiamos en que a maioría era posible e así foi.

É vostede un experto en maiorías absolutas, pois á fronte do Concello de Outes acadou seis consecutivas. ¿Ve ao PP chegando a esa cifra en Galicia?

A política autonómica non é igual que a municipal, onde ás veces un aséntase a través do coñecemento dos veciños. A nivel galego é máis difícil. De todas formas, con don Manuel [Fraga] déronse catro e, de seguir este candidato todo é posible, porque ten unhas cualidades excepcionais. Eu diría que houbo poucos coma Alberto Núñez Feijóo desde que comezou a democracia e ninguén representa tan ben aos galegos coma el.

Convértese no deputado máis veterano ao tomar o relevo de Beiras. ¿Espera ter o mesmo protagonismo?

Non o sabía (risas). Igualar a Beiras é moi ambicioso por parte de calquera. Como calquera persona desa singularidade, é inimitable. En todo caso, en canto a dialogante penso que podo ser tan bo coma el ou máis. Eu espero ser un deputado moi levadeiro, o que non quita que defenda as miñás premisas con forza.

¿Que supón para vostede debutar no Pazo do Hórreo?

Esta mañá [por onte] despertei cunha alegría e ilusión extraordinarias, como a primeira vez que me presentei a unhas eleccións. Entro no Parlamento con moitas ganas de aprender, levar os deberes ao día e por supusto estar a pé de rúa para levar á Cámara as inquedanzas dos veciños.

¿Cre que a súa experiencia en política supón unha vantaxe?

Si. Tamén hai outras cualidades importantes pero a experiencia ten moito valor. É certo que non ten mérito ningún porque se colle co inexorable paso do tempo. En moitos, casos como no deseño ou contido das propostas, pode ser moi útil o meu coñecemento no eido do municipalismo e, de feito, a política local vai moi vinculada á autonómica porque os alcaldes estamos en contacto cos conselleiros e outros cargos da Xunta.

¿Como afronta o PP a lexislatura?

Coa intención de dar estabilidade e profundidade ás propostas parlamentarios para acadar o benestar dos galegos e galegas.

Comentarios