miércoles. 28.10.2020 |
El tiempo
miércoles. 28.10.2020
El tiempo

Carlos Callón: ''Es falso que la homosexualidad haya sido perseguida desde siempre''

Carlos Callón é recoñecido polo seu papel activo na defensa do galego dese a atalaia da Mesa pola Normalización Lingüística, pero non só de lingua vive o home. Hai unhas semanas gañou o Premio polo seu ensaio Amigos e sodomitas.
A configuración da homosexualidade na Idade Media, un estudo sobre a homofobia a partir da ampla documentación medieval que existe en Galicia.

P: ¿Que reflexión deixa o ensaio?

R: É unha análise da historia da homofobia. A xente pensa que, quitando o edén da Grecia clásica, sempre houbo unha persecución da homosexualidade, que o cristianismo sempre a condenou como algo pecaminoso, e non é certo. Nos 1.000 primeiros anos de cristianismo nin tan sequera existía o pecado de sodomía.

P: ¿Quen son Pedro e Muño?

R: Son dous homes dos que sabemos moi pouco. Plasmaron a súa unión o 16 de abril de 1061 e eran dunha parroquia de Rairiz de Veiga. Un documento recolle como declararon que ían coidarse todos os días e todas as noites. Isto demostra que as unións entre homes e entre mulleres non son un invento actual.

P: ¿Sairá publicado o ensaio?

R: Si, dentro dunhas semanas, pola editorial Sotelo Blanco. Creo que vai ser moi interesante, tanto á hora de ver a historia da sexualidade desde a documentación galega como desde o punto de vista da historia política do país.

P: Falando de publicacións, ¿cal é a situación do galego na prensa?

R: A peor nos últimos 25 anos. Hai algún aspecto positivo, como é a existencia dun xornal como o LV, o cal é significativo, pois demostra que se poden facer gratuítos en galego, e máis vendo como foron caendo os que eran en castelán.

P: ¿E o resto?

R: Radios, televisións e xornais electrónicos están moito peor que hai 2 anos e a responsabilidade é da Xunta, que ten a obriga, segundo o Estatuto, de promover a existencia de medios en galego.

P: Vostede desenvólvese moito nas redes sociais: blog, Tuenti, Twitter e Facebook...

R: Son moi importantes para comunicar en galego. No meu blog, as visitas subiron moitísimo desde o momento en que pecharon Vieiros ou GZNación. As redes permiten romper un pouquiño a mordaza mediática.

P: ¿Róubanlle moito tempo?

R: Normalmente non. Céntrome no blog e emprego as redes para establecer diálogos e divulgar.

P: ¿Segue a exercer a docencia?

R: Non. Estou a tempo completo na Mesa, aínda que teño destino en Ribadavia. Antes impartín aulas en Bertamiráns e Vilagarcía. Aí é cando un se decata de que os nenos non falan un galego fluído na propia aula de galego.

"Non me apetecería compartir mesa con Silvio Berlusconi"
P: Falemos da Mesa... pero neste caso da de comer. ¿Con quen non compartiría nunca mantel?

R: Pois escoitando as barbaridades que está a dicir ultimamente Silvio Berlusconi, ¡creo que non me apetecería nada xantar con el! Polo resto, hai moita outra xente coa que si me gustaría facelo aínda que esteamos en coordinadas ideolóxicas moi distintas.

P: ¿E con quen lle gustaría facelo e aínda non puido?

R: Hai moita xente, pero por pór un exemplo de alguén do que son un súper fan, diría Silvio Rodríguez, que é un cantante que adoro e que, ademais de voz, segue dando as súas opinións discordantes sobre como vai o mundo.

P: Á cita gastronómica, ¿chegaría en coche?

R: Pois si, pero só desde hai ano e medio, que foi cando saquei o carné. A verdade é que antes non sei como facía, porque agora nun ano levo xa 50.000 quilómetros feitos. O transporte público tamén ten vantaxes, no bus ou no tren tes que agardar máis, pero pódese aproveitar para ler e escribir.

P: ¿Que tal se desenvolve?

R: Son bastante toupa, en xeral. nas técnicas, e fun toupa para sacar o carné, pero agora xa non son un perigo ao volante. ¡A xente pode estar tranquila se me ve a bordo do coche!

Carlos Callón: ''Es falso que la homosexualidad haya sido...
Comentarios