Carlos Aymerich: ''Hay mucha gente que desea un revulsivo y con toda modestia pienso que somos nosotros''

Leva todos estes días tentando restar dramatismo á cita do BNG, pero insiste en que si hai unha posibilidade de cambio real.

Pregunta: Jorquera dixo que a súa presenza non era irrenunciable e que vostede daría un bo candidato á Xunta. ¿Era unha declaración?
Resposta: Teño moi boa relación con Paco de sempre e creo que é un magnífico portavoz en Madrid; non podo dicir del máis que cousas boas. O sentido das súas palabras haillo que preguntar a el. Supoño que se refire a que habendo un acordo político o demais se pode falar, pero o certo é que neste momento hai dous proxectos ben separados.

P: ¿E un acordo a posteriori...?
R: Non é previsible. O candidato á presidencia da Xunta de APU non se chama Carlos Aymerich.

P: O que se falou estes meses da importancia da asemblea... ¿creou unha tensión excesiva?
R: Creo que risco de escisión non hai. Insisto en que hai que desdramatizar esta asemblea. A ningunha reunión do BNG tivo que ir unha patrulla do 061, ás doutras forzas creo que si. Hai moita xente que é consciente de que o BNG non pode seguir así. A importancia da asemblea estriba en que moitas persoas queren que constitúa un revulsivo, e con toda modestia creo que o representamos nós. Pero que haxa varias candidaturas non quere dicir que sexamos incompatibles ou que non podamos convivir. Ao día seguinte todos temos que actuar con responsabilidade, cada un desde o lugar no que a militancia o coloque.

P:¿Que postura cre que adoptará a terceira lista? ¿Apoiará a UPG?
R: Creo que si o van facer. Polo menos ata o de agora o que foi o seu representante na executiva votou sempre á UPG. É lexítimo, ollo.

P:¿Como interpreta que haxa máis de 5.000 militantes inscritos?
R: É un moi bo sinal. Para os que acreditamos na democracia, canta máis xente participe, máis garantías de acerto ten a decisión. Penso que por primeira vez en anos hai unha posibilidade real de cambio dentro do BNG e iso move a militancia.

P: Sempre se falou da poderosa maquinaria da UPG...
R: Quero pensar que o aparato do BNG traballa para o conxunto do BNG. Calquera intento de teledirección non é eficaz.

P: ¿Houbo que ceder moito para o acordo cos 'irmandiños'?
R: Coido que custou pero o balance é claramente positivo. Moitísima xente nos felicita porque xa tiña decidido non ir e agora vaise mobilizar. Pagou a pena.

P: ¿Como están a ser estes días de percorrido polas comarcas?
R: Facemos un tándem curioso. Somos dúas persoas que nos coñeciamos ben, tiñamos discrepado como é público pero demostramos capacidade de chegar a acordos, de antepoñer o que nos une.

P
: ¿Hai tempo de preparar unha boa proposta para a Xunta?
R:  Haberá que organizala xa desde o día 30 e estar preparados para as eleccións en calquera momento.

Anxo Quintana acudirá a ''nivel particular'' e como militante de base
O ex portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, retirado da actividade política desde agosto, ten previsto acudir á asemblea desta fin de semana ''a nivel particular'' e como militante de base. ''Está apuntado pero aínda non sabe seguro se lle dará tempo a asistir porque está de viaxe”, din fontes do BNG. ''Estiven falando con el e dixo que vai ir'', indicou o propio Aymerich.

Comentarios