Carballo Calero na lembranza

Tocou facer limpeza na frouma de vellos papeis, un dos labores máis desagradables para quen ten querencia por todo tipo de retallos, incorporados ao particular e esaxerado depósito ás veces por razóns tan ocasionais, que co paso do tempo resulta moi dificil saber cales foron as razóns para a escolla. Por suposto que non falamos dunha corta a matarrasa, senón máis ben dunha tarefa de saneamento e, por iso, é bastante máis demorada e traballosa. E interesante, porque, sen orde nen concerto, van desfilando polo maxín todo tipo de vivencias e aconteceres, a través de retallos, notas, apontamentos, cartas, abultadas carpetas ao xeito dun caixón de xastre, sobres con remitentes ilocalizables, guións de charlas e conferencias, e todo cun pouso desa humidade tan do país e cun algo de saudosas lembranzas.

Pois ben, no medio do feixe aboian fotos de todo tipo e de todo tempo. Detivémonos nun mangado delas, de regular calidade certamente, pero que temos por valiosas: aquelas que reflexan a última conferencia que dera na nosa vila o profesor Ricardo Carballo Calero, daquela na compaña da sua dona, Inacia Ramos. Foi en agosto de 1989, e falou sobre ‘A poesía galega e o cometa Halley’. A sua saúde comezaba a decair e, contra o seu costume, falou sentado. Tivemos a honra de presentalo, ainda que xa noutras ocasións compartíramos mesas redondas, concretamente duas para apresentar un libro colectivo en 1984: ‘Castelao. Contra a manipulación’. Pero anos antes, o 25 de maio de 1981, falou sobre ‘A novelística da xeración Nós’, nun local máis pequeno pero absolutamente ateigado de variado público, interesado primeiramente en conectar coa historia a través dun dos seus persoeiros, pero logo engaiolado por aquela oratoria precisa, de frases redondas con longos períodos, ergueito e enérxico e ollando o reloxio de peto para controlar aquel fermoso parlamento, o don da palabra, o eco de outros tempos,, as requintadas maneiras, a medida elegancia. As fotos da segunda conferencia, que quizais foi a derradeira que pronunciou, pois que faleceu o dia 25 de marzo de 1990, subscitaron tamén as lembranzas da primeira e, entre elas, a emocionada aperta na que se fundiu co médico Mario López Durá. Non se vian desde antes da guerra e os dous tiveran que atravesar unha dorosa travesía biográfica, por aqueles anos de ferro. «Roubáronnos a vida!» dixo o primeiro nunha especie de brado sentido e fondo que a todos nos encolleu a alma e nos produciu uns turbadores arreguizos.

Sabemos que, desde hai anos, son moitas as xentes que agardan por unha dedicatoria do Dia das Letras Galegas a Carballo Calero, e estamos certos de que tal cousa sucederá. E desde logo Lugo, cidade e provincia, han ser capítulo importante desa efeméride. Daquela será o momento de volver a glosar algúns dos aspectos dunha vida exemplarmente representativa dos anos do Seminario de Estudos Galegos e dos superviventes que protagonizaron os anos da posguerra.

Comentarios