A carballeira fixo de refuxio no emigrante

Nin sequera a chuvia foi quen de estragar unha cita ineludible como a Festa ao Emigrante de Pol, celebrada en Mosteiro
Os xantares sucedéronse arredor de produtos típicos como a empanada ou o polbo
photo_camera Os xantares sucedéronse arredor de produtos típicos como a empanada ou o polbo

MÁIS DE TRES décadas de historia, milleiros de persoas que levan pasado pola carballeira de Mosteiro cada 24 de agosto, ducias de actuacións musicais e a mesma vitalidade de sempre.

Así se conserva a Festa ao Emigrante de Pol, que ano tras ano suma adeptos que non queren faltar «a unha das festas máis bonitas que hai», como di Idalia Iravedra, de Ansemar (Castro de Rei), e como, ben seguro, secundarían todos os que se resgardaban da chuvia baixo a carpa instalada.

Nesta trixésima terceira edición o tempo non estivo da parte dos máis festeiros, aínda que se por algo se caracterizan é por non permitir que a chuvia bote a perder a xornada máis festiva de Mosteiro e arredores. Tanto é así, que o alcalde de Pol, Lino Rodríguez, mostrouse moi satisfeito despois de comprobar que a festa «non se chegou a deslucir, senón que a xente se mantivo».

PREGÓN. A mañá comezaba cunhas pequenas gotas, axiña silenciadas polos cantos entoados polo Coro Schola Gregoriana Lucensis na misa solemne.

Logo, Fidel Castro López era o encargado de dar o pregón nesta ocasión. Este mozo de tan só 24 anos e que reside en Barcelona alabou a hospitalidade dos veciños polenses, que «sempre nos recibían cos brazos abertos, aínda que viñeramos poucas veces». A pesar «das poucas vivencias que teño nesta cita», o amor que os seus pais lle inculcaron pola súa terra e «por algo tan importante como as festas, momentos que hai que aproveitar para xuntarnos», estivo latente en todo o seu discurso.

Tampouco esqueceu a Escola de Gaitas e Danzas Toxos e Xestas, da que forma parte, así como do grupo Leña Verde. Con dous dos seus integrantes tocou dúas pezas como remate á intervención da que foi protagonista.

O descubrimento da placa conmemorativa por parte de Castro, agasallo da Marmolería Expósito, sumouse a un palco repleto de recordos de cada unha das edicións pasadas.

PUNTO ÁLXIDO. Se hai algo que continúa sendo a verdadeira razón de ser desta festa son as xuntanzas, as reunións entre amigos, veciños e familiares arredor de bos manxares.

Empanadas con todo tipo de recheos, lacón, polbo á feira ou churrasco son algúns dos pratos que ateigaban as mesas instaladas na carballeira, agardando a que arredor de 1.300 comensais comezaran a degustalos.

Algúns optan por encargar a comida, como especifica Pedro Romarís, do Mesón O Pedregal, quen repartiu empanada, polbo e cordeiro a case 80 persoas. Outros, en cambio, traballan arreo para que todo saia a pedir de boca. É o caso dos veciños da Raposada, de Caraño, que foron eles mesmos os que prepararon algúns dos pratos que desfrutaron, como as roscas (na foto de arriba).

A festa continuou ata ben entrada a madrugada, a cargo de Galaxia, Charleston Big Band e Los Estelares, que non deixaron que decaese a esencia desta cita imprescindible: pasalo en grande.

Comentarios