Un complemento a Pardiñas

Caras de futuro para as casas de Guitiriz

O fotógrafo Juan Luis Tomé expón, co apoio de Xermolos, unha colección de 52 retratos

Dous anos de traballo, moitas horas detrás da cámara tanto no estudio coma en exteriores, centos de capturas e a contribución voluntaria de máis de 50 modelos son só algúns dos aspectos que se agochan detrás da exposición fotográfica ‘Guitiriz, cara á casa’. Esta singular colección de 52 retratos feitos por Juan Luis Tomé, na que cada protagonista representa a casa na que naceu, identificada polo seu alcume veciñal, poderá verse ao longo do mes de agosto na Casa Habanera de Guitiriz.

«Hai xente de distintas partes do concello, intentei diversificar ao máximo», explica o autor da mostra, sobre unha selección de rostros «circunstancial» que se foi definindo a medida que avanzaba o proxecto. Son xente nova que lle dá continuidade ao nome da súa vivenda familiar. Os encargados de preservar ese legado.

«Son caras recoñecibles, que representan a xuventude do concello», engade Tomé, consciente de que poderían ser moitos máis os retratados nesta mostra composta por imaxes tanto en cor coma en branco e negro, nas que predominan os primeiros planos e as fotos en solitario, aínda que tamén haxa algún que outro dúo ou trío.

Os nomes dos protagonistas, xunto coa identificación popular pola que se coñecen e se recoñecen as casas neses lugares onde todo o mundo sabe quen é o seu veciño, son a única lenda identificativa que levará cada foto, cuxos protagonistas serán unha sorpresa ata o día da inauguración.

A mostra ‘'Guitiriz, cara á casa'’ inaugúrase hoxe ás 21.00 horas e poderase ver todo o mes, de luns a venres, na Casa Habanera

Polo menos, a metade, xa que 23 das fotos, que constituían a primera fase do proxecto -as de Chito, Lucía e Noemi forman parte desa serie- e unha sorte de presentación do mesmo, expuxéronse en 2016 na Casa das Artes, durante o Festival de Pardiñas.

Un ano despois e de novo coincidindo coa celebración desta emblemática Feira e Festa da Música e da Arte, chega a culminación do proxecto. Non é unha casualidade, xa que a asociación cultural Xermolos impulsou esta iniciativa sen ánimo de lucro dende as súas orixes -xurdiu a partir da presentación do libro ‘Delta’ de Jaki Quintela, editado pola entidade-.

Apenas a unhas horas de enfrontarse ás reaccións da xente ante este «humilde proxecto sen ningún tipo de pretensión», as sensacións de Juan Luis Tomé son positivas. A «enriquecedora» experiencia, aplicando diferentes técnicas, serviulle non só para avanzar como fotógrafo -deuse de alta como tal en xaneiro de 2016 e agora compatibiliza esta paixón co seu traballo como arquitecto técnico-, senón tamén para establecer vínculos con xente que, nalgúns casos, nin sequera coñecía, ao que se engade a satisfacción de que todos quedaron contentos co resultado.

A lista de agradecementos é longa: a Xermolos, «porque sen eles non habería proxecto», ás familias «pola paciencia e pola comprensión, porque lle dediquei moito tempo a facer este traballo», e ao Concello de Guitiriz, «por poñer a Habanera á nosa disposición».

A mostra inaugurarase hoxe ás 21.00 horas, e poderá verse durante todo o mes de agosto. Os horarios de visita son: de martes a xoves pola mañá, de 10.00 a 14.00 horas, e polas tardes, de luns a venres, de 16.00 a 20.00 horas.

Comentarios