Cantinflear

É verbo admitido pola Real Academia Española —non sei se tamén pola Galega— e serve para definir unha maneira de falar ou proceder de xeito disparatado e incongruente e sen chegar a dicir nada. Trátase dun mexicanismo —tampouco non sei se se pode dicir tal— derivado da forma de actuar de Mario Moreno, Cantinflas de nome artístico e finado hai agora 15 anos, aquel magnífico cómico azteca intérprete de tantas películas e tan celebrado por millóns de persoas, as máis delas de condición sinxela e non moi afortunada no social nin no económico, que agradecían sinceramente a risa que o actor lles provocaba nuns tempos nos que non eran demasiadas as razóns para festas e ledicias, e era bastante normal escoitarlles ás nais dicir ós seus fillos —e tamén ós seus maridos— que parasen de cantinflear ou que se deixasen de cantinfladas cando os intentos de xustificación polo atraso na hora de chegada e polas condicións nas que esta se facía non resultaban demasiado comprensibles nin convincentes. Tamén era moi frecuente alcuñar con ese nome a aqueles que non se distinguían precisamente polo seu elegante aliño indumentario ou pola transparencia e precisión, naturais ou intencionadas, do seu discurso.

Claro que co paso dos anos foron desaparecendo da fala común, supoño que debido a que os traballos de Cantinflas, a cada paso menos auténticos, deixaron de interesar ás novas xeracións e, a pesar dos obstinados intentos da TVG, acabaron por seren esquecidos e, en consecuencia, perdidos de vez como referentes, pero a verdade é que ultimamente ando, e non son o único, a botalos bastante de menos cando escoito á dona Esperanza Aguirre declarando (?) as súas intencións, a don Mariano Rajoy manifestando (?) as súas, a don Pedro Solbes explicando a cousa económica, a don José Blanco expoñendo segundo que análises, a certos xuíces que xustifican determinados fallos, a algúns conselleiros e conselleiras, alcaldes e alcaldesas respondendo ás demandas dos seus gobernados, mesmo ó señor seleccionador nacional de fútbol cando fala do seu traballo. Todos eles cantinflean.

Estou seguro de que se foramos quen de conseguir que estas expresións solecesen de novo estariamos en condicións de nos entender todos moito mellor.

Comentarios