Cantigas, misas e... chistes!

O Coro da Pastoriza, nas festas patronais do municipio (Foto: N. Rodríguez)
photo_camera O Coro da Pastoriza, nas festas patronais do municipio (Foto: N. Rodríguez)

A PASTORIZA. Hai unha diferenza notable entre facer unha cousa por obrigación ou facela por vontade e gusto propio. No primeiro dos casos, a disposición que un pon é mínima, e moitas veces a satisfacción final tampouco é moi grande. Todo o contrario a isto é o que se respira entre os compoñentes do Coro da Pastoriza, que dende hai uns cinco anos traballan co único obxectivo de gozar a través da música.

Nacido por iniciativa do anterior goberno municipal, cunha implicación especial do alcalde e da concelleira de cultura, xa dende os inicios o coro contou co clarinetista Rubén Vázquez -responsable da escola de música- como director. Constituído como asociación cultural, a forma de ‘contratar’ os membros foi un clásico entre os clásicos: o boca a boca.

Dende esas primeiras datas nas que formaban parte do coro menos dunha decena de persoas ata o día de hoxe, data na que superan os 20, pasou un lustro no que foron variando algunhas caras, pero no que se mantivo o espírito orixinal de unión e diversión.

Rubén Vazquez, o responsable musical da agrupación pastoricense, destaca por riba de todo esa fraternidade entre os diferentes membros, chegados de varias localidades do municipio, como Bretoña, Baltar, Gueimonde, Lagoa ou Crecente, e incluso doutros concellos como Riotorto ou Abadín.

Con respecto á parte puramente musical, Rubén advirte de que son todos afeccionados sen formación previa, polo que hai que traballar moito e repetir moitas cousas, pero sempre dun xeito ameno e accesible para todos, xa que o obxectivo non é para convertirse nun grupo profesional.

Actualmente, no repertorio do Coro da Pastoriza hai un pouco de todo: cantigas populares galegas, algo de compositores clásicos, pezas modernas como boleros ou tangos e, sobre todo, cantos eclesiásticos, tamén en galego.

De feito, cantar nas misas é unha das actividades máis coñecidas do coro pastoricense, xa que durante estes anos actuaron en boa parte das parroquias do seu municipio. Outros fitos destacados na súa traxectoria musical foron os intercambios coralísticos con Barreiros e A Pontenova, aparte de varios concertos na capitalidade municipal.

Pero, aínda que o valor cultural do coro non é unha nimiedade, a súa función social é o que máis lle chama a atención á xente, incluído o seu director, Rubén Vázquez, que comenta entre risas que «o coro é unha escusa para pasalo ben cos amigos».

E, en verdade, o humor é parte importante da vida do Coro da Pastoriza, en especial grazas a «unha serie de ‘elementos’ que están sempre de chistes e de bromas», sinala Rubén. E é que así, cun ambiente tan bo, dá gusto cantar ou facer o que sexa.

Comentarios