Cantiga de berce para Asunta

NON QUERO, nena Asunta, tomar o teu nome en vano. Escoitámolo demasiadas veces nestes dous meses últimos, cando falaban de todo menos da túa dor, da inxustiza tremenda da túa morte, e temo sumarme á ringleira de depredadores que tiran proveito da traxedia. Porque unha cousa é informar e outra ben diferente espremer a noticia coma un limón para tirarlle o maior morbo posíbel. Só che faltaba iso: despois de tanto maltrato, converterte en carne de audiencia, en moeda de ‘share’, en espectáculo televisivo.

Foran ou non os teus asasinos as persoas imputadas, as que máis te deberan coidar e querer, non é preciso ter dotes de detective para descubrir quen, en última instancia, te matou. Foi a maldade. A maldade en estado puro. O egoísmo que antepón a satisfacción dos propios instintos aos máis elementais dereitos dos outros. A falta de empatía que non lles permitiu poñerse no teu lugar. Resumindo, a condición inhumana porque, aínda que sexa humano errar, non é de homes ou mulleres converterse en feras agás para preservar a vida das persoas ás que amamos.

Véxote, nena Asunta, en todas as criaturas que viñeron do teu país de orixe. Albisco nas olladas das súas nais, dos seus pais, un plus de protección, unha escusa non pedida que, neste caso, non é acusación manifesta: «Nós nunca o faríamos».

Somos moitas as persoas que te acolleríamos de boa gana na nosa casa e no noso corazón, mais nunca tivemos nin tiveches esa oportunidade. Abofé que non te acompañou a sorte.

Do mesmo xeito que os ríos non dan volta, a vida non se desanda. A túa foi efémera como a flor das cerdeiras e nós xa nada podemos facer por ti. Por máis que o quixéramos, non conseguiremos rescatarte desa morte aleivosa e temperá. Porén, desde estas páxinas que os responsábeis deses medios non lerán, eu reclamaríalles aos que tantas horas de programación encheron á túa conta que doasen os dereitos que che corresponderían a algunha ONG que traballe pola infancia desvalida. Isto daríalle, dalgunha maneira, un mínimo sentido ao teu sacrificio.

Soño, nena Asunta, que hai un colo amoroso e inmenso para acoller a todas as vítimas das forzas do mal e das forzas cegas da natureza. Alí te convoco para che cantar unha anaina, unha cantiga de berce chinesa e galega coma ti: «Mira ese paxariño, medráronlle fermosas plumas. Os seus brillantes ollos expresan o seu desexo de voar libremente polo ceo azul. Medra tan rápido como ese paxariño que acaba de saír da casca. Algún día serás capaz de superar os riscos da vida. Durme”.

Durme, xa non hai riscos. Nesa beira nunca envellecerás. Brinca, nena-bolboreta, nos nosos soños.

Comentarios