Cando espertaron...

O señor Presidente quedara durmido despois dunha longuísima sesión do Faladoiro na que dixo once veces o mesmo que xa dixera outras cento noventa e tres desde había varios anos, escoitara —en realidade fixo como que escoitaba, de acordo co uso común entre os membros da selecta asemblea cando pretendían dar a sensación de que algo era do seu interese— aquilo que o da outra banda que tamén quere ser califa xa dixera outras nove veces nas últimas horas. Había algúns máis polas beiras que tamén loitaban por dicir algo pero, fóra de comenencias puntuais, era cousa cativa. A todos respondeu o que sempre se respondía antes de se ir pechar no seu despacho onde foi caer nos brazos de Morfeo, que era como sempre dicía un seu asesor que sempre facía todo canto lle era posible para demostrar que tamén podía ser do máis culto.

E soñou —ou non— con longas viaxes durante as que unha grea incómoda de homes con gravata e sen chaqueta e mulleres co cabelo recollido na caluga ían e viñan con ordenadores portátiles, falaban segu ido por teléfono, movían papeis por diante dos seus ollos, aconsellaban actitudes, cataban continuamente a hora nos seus precisos reloxos de pulso, obrigábano a aprender de memoria frases en inglés e, sobre todo, en alemán, falaban entre eles de proxectos, de cuñados e fillas maiores, de estatísticas, de segundas residencias, de editoriais de prensa e remedios contra o insomnio. El tiña gana de ir ao váter pero non sabía como se di iso en alemán e, ademais, perdera referencias espaciais e non daba controlado ben onde lle cadraban a esquerda e mais a dereita.

E nese entresoño íase xuntar con aquel que tamén quere ser califa e xogaban soñando —ou non— os dous xuntos con déficits estruturais, recrutas de pensionistas, pregóns de austeridade, desemprego, banqueiros que xa non fuman cigarros puros, acampadas no asfalto, confianzas externas, produtos interiores brutos e índices de prezos ao consumo, limiares da pobreza, autonomías, contratos precarios, puntos básicos e vellas ferramentas de represión para trancar portas e ventás coutándolle o paso á verdadeira política... Mais aquilo non estaba resultando demasiado divertido e houbo que botar man da Constitución para argallar con ela mentres agardaban o momento de espertar convencidos de que o dinosauro aínda estaría alí..., pero xa non estaba.

Devorárano 'Os Mercados'.

Comentarios