Cando The Beatles inventaron a MTV

O videoclip non o inventaron uns rapazolos con ombreiras e pelo cardado. Foi a primera demostración de que o mundo era cada vez máis televisivo. The Beatles foron os primeiros en cambiar concertos por filmacións para televisión. A pesar da apocalipse dixital, The Beatles seguen aquí e a televisión tampouco morreu

Chiswic House é unha desas primorosas propiedades con xardíns perfectamente coidados e un pazo que non consegue borrar de todo ese gusto polo abuso en certas decoracións arquitectónicas inglesas. Todo reloce a día de hoxe e no febreiro próximo haberá un festival de lanternas e unha exhibición de camelias como se fose Vilagarcía de Arousa. Nós dicimos que Chiswick House está en Londres, pero está a doce quilómetros de Abbey Road.

No mes de maio de 1966 a mansión e a súa finca de 65 acres (26 hectáreas) estaban un pouco máis floridas do que hoxe. O día 20 o tempo era agradable na capital do que fora o imperio británico e a tranquilidade das plantacións veuse alterada pola chegada dun equipo de rodaxe. No medio do rebumbio de luces, cables, micros e bocadillos estaban catro rapaces vestidos de escuro, con caras algo menos sorrintes que nas súas aparicións en público e con lentes de sol de marcar tendencia. John, Paul, George e Ringo levaban un mes gravando o disco ‘Revolver’ e os singles previos. Traballaban sen descanso porque en xuño e xullo tiñan programados concertos en Alemaña, no Xapón e nas Filipinas. En agosto farían a súa xira máis longa e ambiciosa polos Estados Unidos. Un tour accidentado, esgotador e polémico: unha revista norteamericana recolleu dunha entrevista publicada en Inglaterra no mes de marzo as famosas palabras de Lennon: "The Beatles are more popular than Jesus" ("The Beatles son máis famosos que Xesús"). Unha xira con fans desmaiadas e ameazas de morte. Foi a máis difícil e tamén a derradeira.

Chiswick House era un mar de calma en comparación con todo o que pasaba arredor de The Beatles. As localizacións incluían o interior do pazo e algúns exteriores no xardín. A banda levaba catro anos de non parar: centos de concertos, aparicións públicas, actuacións en televisión, seis discos e dúas longametraxes. Pero non estaban cómodos. Paul McCartney perdera medio dente nun accidente de tráfico e non abría moito a boca mentres repetía ‘Paperback writer’. A Lennon había algo que lle parecía divertido e no guión da gravación todos ‘tocaban’ o seu instrumento menos Ringo Star, que batía as palmas. A idea das dúas películas curtas que se rodaban en Chiswick House era poñer imaxes para as dúas das novas cancións do grupo.

O esquema de traballo da banda no cine e na televisión era un calco dos dos seus concertos. Nas dúas longametraxes o argumento foi moi diferente, pero o esquema moi similar. Dirixiunas un director de comedias, Richard Lester, e tiñan tres compoñentes fundamentais: a música dos novos discos do grupo, un sentido do humor algo absurdo e o carisma da banda. ‘A hards day’s night’ —a súa primeira longa e terceiro disco— era un remedo da vida do grupo durante as xiras cun enredo a propósito dun suposto parente de McCartney. Fuxidas de fans, gravacións en televisión e aquel descaro que agora resulta tan, tan inxenuo. Todo en branco e negro. ‘Help!’ era unha parodia dunha pelí- cula de espías, un xénero que os ingleses consideran moi británico. A banda víase envolta nunha conspiración por conseguir un anel que, por casualidade, acababa nos dedos de Ringo. Algo de humor disparatado a toda cor. O esquema nas dúas películas era o mesmo: un pouco de argumento e unha canción. A música era ‘interpretada’ como un remedo de actuación ou servía para ilustrar algunha acción, sen necesidade de relación directa coa trama que se desenvolvía na pantalla.

As películas breves que estaba dirixindo Michael Lindsay Hogg para The Beatles estaban a medio camiño entre as dúas caras coas que a banda cantaba nas longametraxes. Este norteamericano que traballaba en Londres era o director dun programa musical da BBC, ‘Ready steady go’, que gravaba grupos como Stones, Who ou Yardbirds. A segunda das gravacións daquel día de maio era ‘Rain’. Unha canción de Lennon que, escoitada desde hoxe, adiantaba as sonoridades estrañas que converterían ‘Revolver’ no álbum que lle daría a volta ao pop, ao rock, á música moderna e a todo o que se cruzou despois.

Como correspondía coa música, LindsayHogg escolleu unha imaxe algo despegada da realidade. Quedou no medio: era unha visión insólita para un grupo de música. Non era a versión apoucada dunha actuación, nin o grupo facía nada en concreto. A pesar do cansazo, a The Beatles gustoulle o xénero. Tanto que decidiron ir un pouco máis alá cando só oito meses despois gravaron as dúas curtametraxes para promocionar o single ‘Strawberry fields forever’/’Penny Lane’. As imaxes eran evocadoras, como as cancións, coa súa mesma atmosfera. Era o inicio dun xénero. Case trinta anos despois, George Harrison explicou aquelas primeiras curtametraxes promocionais como videoclips antes dos videoclips. Asegurou en ‘Anthology’, o documental que repasaba a historia do grupo, que "dalgunha maneira The Beatles inventamos a MTV".

Comentarios