Candidatos

Hai algúns anos —non demasiados— asistira un servidor, na teoría como participante e na práctica como privilexiado espectador, a unha especie de improvisado debate no que interviñan persoas de diferentes idades, sexos, ideoloxías, recursos dialécticos e volume fónico. Estabamos a piques de que se celebrasen unhas eleccións, non sei moi ben cales e, se hei contar verdade, non gardo lembranza de nada do que alí se falara polo que, fóra da escaseza persoal de memoria, que é —ou era— unha das tres potencias da alma no Catecismo do Padre Astete que irremisiblemente diminúen coa idade, non creo que sexa demasiado arriscado supoñer que da discusión non debeu desprenderse nada que resultase especialmente interesante.

Ou, se cadra, algo si. Polo menos un tanto curioso: nun momento dado unha das persoas que interviñan na conversa e que, ademais, formaba parte dunha das candidaturas que concorrían a aquelas eleccións, mostrouse decididamente en contra de determinada proposta que alguén sacara a colación e non parecía que tivese pensado mudar o seu parecer. Fíxoselle ver que o tal proxecto aparecía recollido tal cal na relación proxectos do grupo ó que pertencía e que ó actuar daquela maneira non facía senón demostrar que nin tan sequera lera as propostas que tiña obriga de defender. Pois será, pero se vos fixades na lista, eu vou nun posto que non é dos de saída... Así se defendera e así quedara a cousa.

Hoxe, despois de non sei cantos meses de sermos testemuñas inducidas polos medios de comunicación de masas dunha loita, que algúns adxectivaban de fratricida, xa sabemos que vai ser o señor Obama e non a señora Clinton quen se opoña ó señor McCain nas eleccións presidenciais dos Estados Unidos de América e a tal nominación está a desenvolver tantos comentarios, falados, escritos e mesmo cantados, coma se chegase a ser cousa nosa. Trátase do país máis poderoso do mundo, dísenos para xustificar a tinta gastada. Pero case o único que se nos fai saber é que a señora Clinton é muller, o señor Obama negro de raza e que, ademais, o señor McCain está tamén aí.

E o certo é que neste empeño de nos implicar en algo no que non se nos vai ter en conta para nada as cousas deben funcionar bastante ben porque estoutro día tiven ocasión de escoitar á persoa protagonista da anécdota aquí relatada tomar, ardorosamente, partido por unha das opcións que litigarán no seu momento para ver quen se senta por tras da mesa do despacho oval da Casa Branca.

Comentarios