"Teño ilusión e forzas para seguir coas responsabilidades actuais, decidirase en equipo"

Elena Candia: "Sumamos no que coincidimos sen pensar no rédito político, é o que nos pide a xente"

O PP vese como o gran valedor dos concellos na Deputación, tras promover un novo reparto de fondos que acabou coas "grandes discriminacións" que había. Así o asegura a súa voceira, quen ve necesario sentarse xa a negociar o próximo orzamento
Elena Candia, na sede do PP lucense
photo_camera Elena Candia, na sede do PP lucense

O grupo provincial do PP encara o outono coa axenda chea de retos. Elena Candia cita, entre outros, a apertura das residencias e a promoción turística da provincia.

Cal foi a principal achega do PP na primeira metade do mandato?
Corriximos as grandes discriminacións que viviu a provincia co besteirismo. Primeiro, en 2015, restablecemos un equilibrio entre os concellos e, despois, impulsamos un novo escenario orzamentario que garante que todos reciban da Deputación uns recursos dignos.

Como lle afectou ao PP o regreso de Manuel Martínez ao goberno?
Diría que gañamos protagonismo. Antes eramos 13 deputados (nos acordos PP-Martínez) ou 14 (nos acordos co BNG) que decidiamos nun escenario de 25. Cando el deixou de ser deputado non adscrito e volveu ao PSOE, o BNG rompeu o bipartito e a debilidade do goberno foi máis evidente. Fíxose matematicamente necesario buscar apoios e fomos escoitados.


"Queremos que se incida na promoción da provincia como destino turístico, xa van moitos anos perdidos"


Resalta, entre os froitos, ese novo reparto de fondos. Porén, o BNG se erixe en impulsor do plan único.
Hai que recordarlle que foi cómplice do besteirismo e perdeu a oportunidade de blindar un plan único en oito anos. Deixámoslle eses minutos de gloria ao novo deputado (Xosé Ferreiro), que quere cortar o cordón umbilical co pasado, pero a nosa memoria é o suficientemente prolixa en datos para recordar como gobernaba o BNG.

Por que a Xunta non impulsa tamén un plan único?
Xa o ten, o Fondo de Cooperación Local, que reparte 23 millóns en Lugo. Os concellos sábeno ben porque reciben ingresos cada mes.

Como se presentan as negociacións do próximo orzamento?
Queremos sentarnos xa a falar para aprobalo canto antes. Non pode pasar como no 2016, cando se aprobou a metade de ano.

Haberá sorpresas por parte do PP nesas conversas?
Sempre fomos coherentes e as sorpresas foron mínimas. A negociación difícil foi en 2016, na que sentamos as premisas: unha partida para emprego, outra para obras e outra para axuda no fogar. Haberá que mirar que remanentes hai, pero sempre respectando a capacidade orzamentaria que debe ter o goberno. Por estar en minoría non ten que ser un goberno secuestrado e a nosa capacidade de diálogo debe ser compatible con que a Deputación teña o seu propio proxecto. Se o seu único papel fose trasladarlle o diñeiro aos concellos, non valería para nada.

Como ve o proxecto do goberno?
Penso que o mellor que lle pasou a Darío Campos foi ter o plan único, porque se llo sacamos, a Deputación non ten proxecto ningún.

Trala inscrición de Suplusa no rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais (Ruepss), que vai pasar coas residencias?
Agora imos saber que é o que quere o goberno. A verdade é que os seus pasos nos últimos meses lévannos a sospeitar que quere que as xestione unha empresa privada.

Que fórmula defende o PP?
Sempre dixemos que tiña que ir da man de Xunta e concellos, independentemente de quen gobernara. O PSOE sempre quixo lideralo en solitario e por iso polemizou polas prazas concertadas e despois pola inscrición no Ruepss. O que hai que facer é acabar o proxecto e poñelo en marcha como foi concibido. Non poden cambiar as regras do xogo segundo lles interese.

Cando a Deputación o iniciou, a Xunta negáballe a posibilidade de que Suplusa asumise a xestión...
Non se lle negou. A Xunta deulle indicacións do que tiña que facer. Suplusa naceu para xestionar solo industrial, é indubidable que tiña que adaptarse se quería prestar servizos sociais, porque non é o mesmo facer un movemento de terras nun polígono que atender unha persoa maior. Había aspectos do obxecto social que tiñan que cambiar, iso foi o que se lle dixo.

Outro tema polémico é a equiparación do soldo dos bombeiros. A Deputación critica á Xunta por negarse a pór os fondos necesarios.
A Xunta non se negou á equiparación salarial, negouse a politizar o tema e propuxo unha negociación para mellorar o servizo. O malestar dos bombeiros desembocou nesa reclamación pero non é o único que piden, inciden en que as concesionarias incumpren. O PP apóiaos, pero subir os soldos non é tan doado, hai uns trámites. Como son moi críticos coa xestión, a Xunta comprometeuse a estudar un novo modelo e negociar todo. Hai que facelo xa, os contratos están a piques de vencer.

Con estes enfrontamentos de institucións de distinta cor política, non hai o risco de que cada vez máis cidadáns crean que se priman intereses partidistas aos xerais?
Este debate frontal coa Xunta prodúcese porque na anterior etapa, a Deputación converteuse na plataforma de promoción dunha persoa como aspirante á Xunta, e quedan vestixios porque en moitas cousas seguen mandando os mesmos. Pero é certo que a cidadanía pide que aparquemos liortas e nos centremos no que lle preocupa, que sumemos no que coincidamos. Iso é o que estamos facendo, sen pensar no rédito político. Por iso, a pesar do escenario que había, cun PSOE enfrontado e cunha situación esperpéntica no goberno, intentamos que a institución volvera á normalidade e a mellor maneira era ter orzamentos.

Que outros asuntos figuran en vermello na axenda do PP?
Acabamos de dar un paso adiante co plan de mellora de estradas, que reivindicamos moitas veces, e incidiremos na promoción da provincia como destino turístico. A Deputación debe liderala e van moitos anos perdidos. Non nos esqueceremos do persoal seleccionado para as residencias e da fiscalización da xestión do goberno.

Comentarios