Canción de redención

UN antigo xefe de policía de Río de Janeiro explica o que supón ser membro dunha minoría discriminada: un mozo sae correndo da súa casa en busca dun taxi para trasladar ao seu pai, con síntomas de infarto, a un hospital; as forzas da orde disparan contra el e mátano. O rapaz é un máis dos millóns de habitantes das favelas desa cidade, convertidos en sospeitosos por ser pobres e negros. Precisamente por ese motivo, ningunha destas mortes é investigada nin castigada; en realidade cada ano máis de mil inocentes perden a vida deste xeito no estado de Río; é evidente que se o morto fose un membro da clase media os políticos farían rodar cabezas e os xuíces tratarían de pór remedio. O problema da discriminación non se cingue a Brasil, naturalmente; en moitos outros países hai minorías marxinadas e un dos casos máis rechamantes e coñecidos, grazas ao cine e a televisión, é o dos afroamericanos nos Estados Unidos. Este problema vén da época da escravitude, prolongándose ata a data actual. Moitas veces temos visto nas pantallas como se emprega a policía cos membros desta comunidade; esta semana producíase un incidente cun afamado profesor universitario, Henry Louis Gates, quen tiña problemas coa fechadura da súa vivenda; por ser negro foi considerado sospeitoso por un veciño, denunciado, detido e acusado de escándalo público por protestar; finalmente, foi liberado sen cargos. O seu amigo, o presidente Obama, dixo que a policía actuara de xeito estúpido. Con todo, fai poucos días o presidente pronunciou un discurso innovador sobre o tema da discriminación, criticando tamén aos propios afroamericanos. Por exemplo, a tantos homes que non asumen as súas obrigacións e deixan que as nais asuman toda a carga da crianza. Esta situación condiciona aos escolares, que se mostran apáticos e abandonan os estudos a unha idade temperá, sen practicamente ningunha titulación. Os seus ideais están centrados fundamentalmente no terreno artístico ou no deporte, onde atopan grandes modelos a imitar, como cantantes, actores, xogadores de baloncesto ou beisbol; pero é evidente que por cada un que triunfa, millóns quedan no gueto e sen oportunidades. Desa forma, moitos acabarán nos círculos da delincuencia e finalmente no cárcere e no corredor da morte. Na linguaxe politicamente correcta sempre se culpou á sociedade, pola evidente falta de igualdade de oportunidades. Con todo, a novidade do discurso de Obama reside en pedir aos propios negros americanos que dean o primeiro paso para a súa redención, para que se cumpra o soño de Luther King. Nisto tamén é orixinal e atrevido.

Comentarios