Campo de Verano

El Greco, en A Compañía de Monforte (Foto: TOÑO PARGA)O FRÍO NON EXISTE, aínda que en inverno nos incomode ser incapaces de convencer ao cerebro de que non estamos aterecidos. A física define a temperatura en función da cantidade de calor, polo que o frío caracterízase de xeito negativo, por carencia. San Lorenzo debeu de preferir o frío do anonimato á grella instalada cerca do Campo de Verán de Roma, onde foi queimado no século III por orde do emperador Valeriano. Do mesmo xeito ca o frío, podemos deducir que o anonimato é ausencia de coñecemento. Acontece con artistas que, andados os séculos, acaban sendo apreciados con xustiza. O talento de El Greco foi ignorado masivamente como se a súa xenialidade proviñese de ser carne de estudos oftalmolóxicos. Os artistas teñen unha visión diferente e avanzada da realidade. Por iso, El Greco estivo presente no devalar dos séculos no seu caixón de inspiración, como nos lembra estes días unha exposición que amosa a influencia do pintor cretense en Manet, Picasso ou Bacon, no Museo del Prado. A propia mostra é vítima: foi noticia coma primeiro acto oficial que a Raíña Letizia protagonizaba. Grazas a ese xesto alleo á arte, o museo madrileño converteuse nun punto quente. A pinacoteca do colexio escolapio de Monforte ten dous grecos; entre eles, un San Lorenzo que segue en zona fría. Agarda por un conde que a visite.

Comentarios