Camiño para andar

COMEZOU o 2012 e non se demorou moito en dar mostra cumprida da ruín sona que os anos bisestos teñen. Finaron, das persoas cuxa morte podía provocar en min un maior impacto, a miña tía Carmiña -valente e tenaz loitadora contra o cancro implacable- e Isaac Díaz Pardo -sen dúbida unha das persoas máis admirables que este país ten dado nunca- como se xa a comezos de xaneiro o ano novo quixese deixar ben claro o seu aviso sobre a escasa consistencia dos vimbios cos que se argalla unha boa parte desa ledicia inducida coa que nos esforzamos en arrincar a primeira folla do almanaque novo. E aínda non chegara o día de Reis nin o rebumbio masivo das rebaixas -refírome ás que fan en moitos comercios- que son algo así coma o empezo da costa arriba que todos sabemos que nos agarda.

Non sei se hoxe segue en uso, pero houbo un tempo no que, polo menos entre a rapazada de determinados ambientes, cando alguén che facía a clásica pregunta destas datas: «E a ti que che deixaron os reis?», era costume contestar: «A min? Camiño pra andar!».

Pode parecer que se trataba dunha resposta cun aquel de festivo, mais os que xa imos vellos sabemos ben canto de verdade había nela: camiños que levaban a Bilbao, a Barcelona, a Madrid, a Suíza, a Francia, a Alemaña..., camiños que era preciso andar para fender o horizonte e facer pola vida, vieiros nos que cada paso dado deixaba atrás unha pegada fonda de desarraigo por cada dúas, máis lixeiras, de esperanza. Camiños nos que sempre axexaba o risco de se extraviar e que non sempre tiñan retorno. Distancias nas que a nai esculcaba desde a porta da casa con ollos ateigados de lembranzas e coas que soñaba a moza, aínda ilusionada, cada saudoso serán. Supoño que hoxe xa non tería sentido aquela pregunta da miña mocidade, son outros os tempos e outras as formas, pero o que máis medo me mete é a posibilidade de que tamén deixase de ter sentido a resposta porque cando agora as rapazas e mais os rapaces percorran coa ollada os arredores non alcancen a ver nada que lles sirva para saber onde ir dar o primeiro paso do seu futuro.

Un día o poeta dixo o que dixo en fermosos versos que todos coñecemos. Pois ben, sabendo como sabemos quen borra sendeiros e indicacións, non permitamos que se nos prive de seguir procurando o camiño que nos é propio.

auga lizgaira

Cando alguén che facía a clásica pregunta destas datas: «E a ti que che deixaron os reis?», era costume contestar: «A min? Camiño pra andar!»

Comentarios