Camiño da despedida

ESTAMOS preto de despedir o ano e esta é unha época de listas nas que se comentan os mellores libros destes doce meses. A min fánseme pesadas por francamente tendenciosas, sobre todo naqueles xornais que forman parte de conglomerados empresariais nos que tamén está presente o negocio editorial. Un libro de Javier Marías só pode ser o mellor do ano no Reino de Redonda, non nun país no que a xente lea no canto de usar os libros para calzar mesas ou adornar estantes.

'Los cañones del atardecer', de Rick Atkinson

Así que aquí imos seguir dando a murga cos mamotretos habituais e aproveitando os aniversarios. O ano 2014 foi o da Primeira Guerra Mundial e pinta que o 2015 vai ser o da Segunda. Para comezar con el (ou pechar co anterior) vén de saír do prelo ‘Los cañones del atardecer. La guerra en Europa 1944-1945’ (Editorial Crítica), volume co que Rick Atkinson pecha unha xigantesca e premiada triloxía sobre a intervención norteamericana no meirande conflito bélico da historia da humanidade. E anoto o da participación dos USA porque o título pode resultar equívoco: aínda que Polonia e a fronte oriental tamén fosen parte de Europa, non verán aquí nin unha soa páxina dedicada aos soviéticos, como tampouco a había nos volumes anteriores, dedicados ás campañas do norte de África e Italia.

Como xa temos dito en moitas ocasións, os grandes temas (Idade Media, guerras mundiais, historia dos países) teñen esencialmente dous modos de enfocarse: con panorámicas xerais -de maior ou menor tamaño- ou con obras que illan un determinado número de feitos e tratan de expoñelos e explicalos. Atkinson queda no medio deste camiño: centrado na alianza angloamericana, pero con tal prolixidade de datos e profundidade de investigación que podería remitir a obras de detalle como a mesma historia oficial do exército estadounidense, que ronda os 120 volumes -agora descargabeis gratuitamente, por certo-.

Dende as praias de Normandía a Berlín, seguimos con todo detalle os acontecementos que levaron á liberación de Europa e facémolo, como é uso e costume xa no gremio, mesturando movementos de tropas, perfiles e discusións do alto mando -formado por tipos que poderían estar perfectamente nun manicomio, caso de Montgomery ou Patton- e testimonios persoais de soldados de a pé, aqueles que vivían a morte, o pé de trincheira, a lama e a neve e ata a morte no éxito, como cando os americanos cruzaron o Rin en Remagen, pero a ponte acabou por desmoronarse e matou a vintecinco soldados.

Neste tipo de historias hai dous elementos diferenciais. O primeiro é a profundidade e seriedade da investigación, cualidades traducidas nesa metonimia da cultura académica que é a nota a pé de páxina -neste caso situada ao final-. Atkinson manexa un volume de información inmenso volcado nun aparato de anotación que prácticamente equivale á metade do texto da obra. O segundo é a fluidez da narración e aquí Atkinson pincha un pouco se nos poñemos na perspectiva do lector profano. Hai unhas semanas traiamos a Beevor, quizais menos rigoroso, pero máis capaz de narrar con soltura e rapidez sen perder detalles e historias particulares. Atkinson en ocasións resulta confuso pola cantidade enorme de datos que ofrece e certas carencias á hora de establecer referencias dentro do propio texto -moitas veces vale máis ser repetitivo que non fialo todo á fráxil memoria do lector-. A calidade é meirande; a lexibilidade, un chisco menor.

Estamos en época de despedidas, imos deixar un ano para pasar a outro. Non ten demasiada trascendencia, resulta só unha convención se o comparamos coa verdadeira despedida que supuso a marcha cara o leste hai xa setenta anos. Un camiño de liberación fronte ao fascismo, a morte dun mundo sinistro conseguida grazas ao adeus de moitas persoas. Sen tanto belicismo, quizais debamos recuperar unha parte dese espíritu para superar as dificultades e loitar as batallas de hoxe en día. Que teñan bo Nadal.

Los cañones del atardecer
Rick Atkinson

Editorial Crítica

Páxinas 1.056 Prezo 29,90€

(Publicado na edición impresa o 27 de decembro de 2014)

Comentarios