Cambios no BNG

A experiencia do BNG no Bipartito non foi moi positiva a nivel electoral. Parte do seu antigo electorado desertou de apoialo. E sectores de poboación descontentos cos dous grandes partidos estatais e con posicionamentos críticos coa política mediática e centrada na clase política que hoxe impera, que poderían votalo, non se identificaron con el.

O experimento novidoso do centrismo quintanista, que pretendía atraer mesmo a electorado do PP e que rompía coa tradicional do BNG, non resultou rendíbel. Non se gañou unha cifra significativa de votos do empresariado, mais si se perderon votos da canteira electoral habitual. O apoio dos cidadáns ao Bipartito non estaba ben asentado, por iso cun vento mediático forte en contra se chegou a derrubar toda a andamiaxe.

A cegueira sociolóxica dos estrategas do BNG na época do Bipartito mantívose ao comezo da crise económica o ano 2008 e mesmo continuou ao inicio da campaña electoral. Crían que facendo un mínimo se ía recuncar. O discurso de Quintana era o dun nacionalismo neutro e aséptico, incapaz de ilusionar aos colectivos desexosos de cambios políticos e de transformacións económicas. Nunca se definiu a si mesmo como de esquerda. Só nos últimos días da campaña electoral, cando xa era tarde, tentou sintonizar coa sociedade falando da crise e do desemprego.

O fin do Bipartido constituiu un episodio evidente ocorrido na Galiza da actual crise xeralizada en Europa dos partidos socialdemócratas. As súas políticas cada vez ilusionan menos á masa crítica de cidadáns de esquerdas e aos que reclaman profundizar a democracia participativa e a social, pois só efectúan cambios de maquillaxe do sistema, mentres as condicións laborais e vitais da maioría dos cidadáns permanece igual ou se deteriora. Co agravamento da crise e as políticas contra o estado de benestar tócalle agora ao PSOE diminuír os seus apoios electorais.

Despois iniciouse a crítica radical de Beiras, provocando a demisión de Quintana como voceiro. Porén, Beiras obtivo apoios moi minoritarios no interior. A UPG foi recuperando posicións de poder e ideolóxicas, e Guillerme Vázquez convérteuse no portavoz nunha época difícil, de contínuas e fratricidas loitas internas, porque Carlos Aymerich tamén aspira ao liderado, axudado pola actual +Galiza. Hai que recoñecerlle o mérito a Guillerme Vázquez de saír airoso nunha conxuntura interna e externa tan complexa e tensionante, levando con brillantez temas como o decreto do galego e o da fusión das caixas.

A corrente +Galiza non adquiriu unha coherencia ideolóxica, nin unha estrutura orgánica nin sequera un liderato claro. Nela conviven con dificultade afiliados entrados a rebufo do poder de Quintana na Xunta e que aínda nesta situación de crise económica e social queren repetir a política quintanista cos que defenden unha liña semellante á de Esquerda Galega. Por outra banda, a UPG necesitaría actualizar o seu discurso marxista, non centrarse no tema lingüístico e estar moi en contacto cos movementos sociais, fomentando con eles unha democracia participativa. Nas tres últimas décadas non houbo un período máis favorábel para que o BNG poida recoller miles de votos dos numerosos descontentos pola crise e as políticas neoliberais.

Comentarios