Cambios imparables

HAI CAMBIOS imparables ante os que é mellor prepararse para incorporalos ás nosas vidas e prácticas comerciais que ofrecer unhas defensas numantinas.

A irrupción de internet é un deles. Un cambio que marca unha nova época na forma de comunicarnos e de intercambiar información escrita ou gráfica por moi ampla que sexa.

Internet afectou ás nosas relacións persoais ao ofrecernos un modo máis inmediato de comunicarnos coa nosa familia e amigos, que despois se ampliou coas redes sociais a grupos de persoas unidos por algún contacto en común. Tamén afectou á economía, tanto no ámbito da produción como nas prácticas comerciais, xurdindo a canle da venda electrónica cun peso progresivamente crecente.

E hai un asunto especialmente sensible coas descargas de material protexido por dereitos de autor que se realizan sen ningún pago a cambio, como é sobre todo o caso de música e películas. Son unhas descargas que causan notables prexuízos aos autores deses produtos e que son difíciles de evitar, a pesar das leis establecidas para o seu control. Un exemplo é a lei que está a piques de ser aprobada en España, que non persegue ao internauta particular, senón aos responsables das páxinas de enlaces, que non serán fáciles de controlar na práctica e que terán ademais unha vía de escape coas páxinas web radicadas noutros países.

Por iso foi interesante o discurso de Álex de la Iglesia no seu último acto como presidente da Academia de Cine. No canto dunha postura á defensiva, propón adaptarse á nova situación, adiantándose con propostas imaxinativas, achegando un novo modelo de mercado que teña en conta a todos os implicados, desde os autores a produtores, distribuidores, exhibidores, páxinas web, servidores, e usuarios. É certamente unha operación complexa, pero necesaria, que forza a corrixir prezos ou marxes ás veces abusivas e as formas de distribución, en busca dun novo equilibrio e adaptación á actual situación.

Os que temos xa unha boa cantidade de anos ao lombo coñecimos o cine case como único espectáculo dispoñible antes da televisión. Cunhas películas que chegaban cun notable atraso, con posibles cortes da censura e con moi pouca capacidade de selección por ser poucos os locais dispoñibles. De aí pasamos ás salas multicines, cunha maior oferta e actualidade e a primeira competencia dos videoclubs. Despois, chegamos á situación actual con dúas alternativas contrapostas, cuns niveis baixos de asistencia e prezos moi elevados nas salas fronte ás descargas por internet e a difusión de copias ilegais distribuídas a baixo prezo.

Haberá que buscar un novo equilibrio. As salas de exhibición terán que axustar os prezos á nova situación e tamén o cine terá que adaptarse a unhas descargas controladas por internet por páxinas especializadas e aos novos videoclubs virtuais, que permiten o visionado das películas a uns prezos notoriamente máis baixos.

Os cambios non son fáciles, pero son necesarios. Tal como afirmaba Álex de la Iglesia, internet non é o futuro, é xa o presente.

Comentarios