Cambio de modelo

A maior preocupación das familias galegas é o emprego. Un drama que viven moitas persoas. Todos os días coñecemos unha empresa ou unha tenda que pecha as súas portas. A crise págaa con maior dureza unha mocidade que logo de formarse durante anos só ve na emigración a súa oportunidade de futuro.

Con políticas económicas erradas, baseadas só en recortar, a situación agrávase. Para iniciar un camiño de crecemento son outras as alternativas que necesitamos. Reducir as prestacións sanitarias só conduce a unha maior desigualdade social. A economía non mellorará porque os xubilados e xubiladas paguen o 10% dos medicamentos ou adianten o importe das próteses. Tampouco será motivo de crecemento a privatización dos hospitais, véxase o caso do novo hospital de Vigo.

O que vivimos é un cambio de modelo. Co Real Decreto do medicamentazo o Goberno do Estado instaura o copago, mais o realmente alarmante é que comeza o desprazamento do sistema sanitario universal por un sistema baseado no aseguramento. A saúde corre o risco de deixar de ser un dereito para converterse nun negocio.

Negocio só para uns poucos. Privatizar a xestión sanitaria non garante que sexa mellor. Todo o contrario, necesita unha marxe de beneficios empresariais que
a súa xestión pública non require. Abrir a porta ao aseguramento significa instalar as desigualdades sociais tamén na saúde. Se enferman, as persoas terán
dous problemas. Un problema obvio de saúde e agora tamén un problema económico.

Comentarios