Cambiemos de tema

Ramón Otero Pedrayo protagoniza unha desas curiosas dicotomías tan
características da nosa cultura. Serve de incenso diario para abalalo no botafumeiro dos tópicos; que, como todos os lugares comúns, reflicte unha fonda nugalla intelectual.
 
O Patriarca das Letras, seica. Cando chega o momento de acordarse del, nesas casualidades numéricas tan queridas aos matemáticos e aos redactores da sección de Efemérides, ningunha entidade pública, semipública ou asemblearia acordou do bo señor [no 125 aniversario]. Iso que nos indicou o camiño de Europa en dirección ao Ulysses.

Na súa fundación, supoño que en cifras bancarias baixas, aínda lle organizaron actividades
con 125 nenos de diversas bisbarras. Prenderon unhas candeíñas e animáronos a soprarlle unha torta: un rapaz por cada ano que transcorreu dende que chorou por vez primeira na rúa da Paz. Pero ben, como se laiaba Joyce cando os seu interlocutor prendía a defender o nacionalismo: “Xa que non podemos cambiar o país, cambiemos de tema”.

Comentarios