A calor segundo Paco Martín

HAI TEXTOS breves que constitúen en por si toda unha lección de vida. Atopámolos, por exemplo, en ‘Cousas’ de Castelao. Con este libro se ten comparado o que leva por título ‘Muxicas no espello’, do noso paisano Paco Martín. Cada unha das muxicas é unha pequena narración que suxire moito máis do que conta.

Procuro na miña desordenada biblioteca e non dou co exemplar que estou certa de posuír. Acontéceme sempre cando preciso acudir a unha obra para facer unha cita textual. Daquela, terei que me fiar da miña memoria, a cadora menos fiábel. Mais estou segura de que a idea principal non me esqueceu.

Vén dicir Paco Martín nunha destas muxicas, que certamente o son polo seu brillo e pola súa potencialidade de acender fogueiras maiores, que o que quenta as mans non é o lume, senón o feito de xuntar a leña para facelo. Aí é nada: Para explicar o mesmo outros precisaron escribir tratados. William James, por exemplo, coa súa teoría sobre o compoñente somático das emocións, aquela que se resume na célebre frase: «Estamos tristes porque choramos». As actitudes, segundo o médico e psicólogo norteamericano, son as que verdadeiramente determinan o noso estado de ánimo.

Matinando na tan traída e levada crise, que noutra cousa non nos deixan matinar os que nos bombardean de cote con ela, lembreime da calor segundo Paco. Non hai nada máis paralizante que o pesimismo e o medo. Non hai nada que nos mobilice máis que a ilusión, nomeadamente se se tratar dun proxecto común. Por iso sospeito que tanta disección, ponderación e presenza mediática da situación económica do noso país e do resto do mundo, non fan máis que agravala.

Sería cousa, xa que logo, de non se lamentar porque o lume está apagado e, en troca, xuntar leña. Iso, palabra de Paco Martín, é o que dá calor. Se cadra parte do problema é deixar a economía na man dos políticos e os economistas. A aqueles Manuel María recomendáballes ler máis poesía. Na mesma liña, Joan Margarit, coñecido poeta e arquitecto, asegura que o poeta é o ser máis realista e pragmático porque bebe da realidade. Para el o que non é pragmático é a economía. Se cadra a poesía e a literatura de toda caste son a leña que precisamos porque nos quenta os soños e, xa se sabe, somos o que soñamos. Se Escobar non tivese inventado un Carpanta famélico a soñar baixo dunha ponte cun polo asado, talvez non se tería democratizado o consumo desta ave. Pobre país se Carpanta tivese renunciado ao seu soño.

Servidora de vostedes, pertencente ás tradicionalmente chamadas clases pasivas, poucos garabullos pode achegar xa; mais nada me impide clamar pola ilusión e a esperanza. Doutras máis difíciles saímos. Os mercados e esas cousas mexarannos, con perdón, na fogueira; mais xa levaremos as mans quentes e a nosa calor secará as estelas. Porén, non abonda con soñar co lume, o noso autor deixa ben claro que hai que xuntar leña.

Comentarios