sábado. 08.08.2020 |
El tiempo
sábado. 08.08.2020
El tiempo

Caldo ou sopa?

IMAXINEN que, despois de agardar ben tempo de pé, xa sentados nun restaurante onde se serve o menú do día, ateigado de xente, solicitan como primeiro prato caldo, fronte á outra opción, sopa de fideos. No suposto de que xa non quede, nin se lles pasará pola cabeza que o camareiro ou camareira os vaia obrigar a facer cola de novo para acceder á sopa, alegando que a culpa é de vostedes por se equivocar na elección.

Pois, señores e señoras que pensan razoabelmente, estas cousas acontecen. Non no terreo da hostalaría, que xa sería grave; senón no da sanidade, que o é moito máis. Velaí un exemplo: unha miña amiga, da área de Santiago, rompeu hai tempo unha perna, na operación, colocáronlle uns cravos que, segundo lle explicaron, lle retirarían nun prazo de seis meses para evitar molestias. Producidas estas, tras unha longa espera recibiu a chamada que prometía a fin da tortura. «Quere ser operada na Seguridade Social ou na concertada?». E a miña amiga, que fora eficazmente atendida no CHUS, respondeu que neste hospital. Daquela contestáronlle que pasaba á cola porque xa fora chamada e non elixira o conveniente. Como a extracción duns cravos non é unha intervención grave, a miña amiga chamou de novo pedindo que a interviñesen onde lles petase, mais todo foi en balde: estaba ao final da ringleira como naquel castigo que nos inflixían cando perdiamos ao saltar á corda.

Din que as xentes destas terras somos moi desconfiadas. Madía leva. Apréndennos a forza de enganos a sospeitar que pode haber algo falaz en cada promesa, en cada nome ou en cada anuncio de melloras. En realidade non menten, practican o que os moralistas chaman ‘restrición mental ’. Como aquel frade que, preguntado por un ladrón que fuxía, respondeu coa man dereita metida na ampla manga esquerda: «Por aquí non pasou». Efectivamente, pola manga non pasara. Do mesmo xeito os que nos gobernan aseguran que se cumpren os prazos fixados para chamar a xente. E si que chaman, se chaman, pero non para solucionar.

Temos instalacións magníficas e profesionais altamente especializados; mais non é doado entender a fachenda do Presidente da Xunta verbo da nosa sanidade mentres o Sergas mantén plantas pechadas, e máis en vacacións, para aforrar suplentes. Así a demora en operacións e probas de vital importancia élle difícil de soportar a quen se vexa nese transo.

Xa que aquelas liñas vermellas que prometían non traspasar (ensino e sanidade) quedan moi lonxe, só nos resta pedirlles que elixan sopa para que o oculista non tarde anos en lles operar as cataratas ou belidas. Así poderán ver o que deixan atrás. Por certo, con que nome vestirán o engano?

Caldo ou sopa?
Comentarios