Caimán

UNHA fulgurante carreira política acaba de quedar arruinada en Galicia porque o interesado esqueceu declarar uns fondos recibidos das Illas Caimán. Parece que o nome deste lugar xa desprende un mal tufo e non faltará quen, ao oílo, pense máis ben, en outro especimen da familia dos réptiles, "lagarto, lagarto". Porque o común dos mortais garda os seus aforros no banco do barrio sen que se lle pase pola cabeza envialos a tan exóticos lugares, dos que é probable que ata descoñeza a súa localización exacta no mapa. Os que deciden ter negocios en puntos tan remotos teñen, con todo, bos motivos.

O principal, o segredo bancario, que favorece a impunidade no caso de que ese diñeiro non se declare e non se liquiden os impostos correspondentes. Países como as Illas Caimán teñen a súa principal fonte de ingresos neste tipo de operacións; alí ostentan o récord de ter máis sociedades mercantís rexistradas que habitantes ten todo o territorio. Grazas a esta circunstancia, gozan dunha elevada renda per capita, similar á dos Estados Unidos e superior á de España. E isto contrasta co resto de países veciños do Caribe onde, ademais do ben coñecido luxo do turismo occidental, hai moita miseria entre a poboación de países como Cuba, Haití, República Dominicana ou Xamaica.

Por que o diñeiro de todo o mundo, sempre conservador e medorento, acode entón a estas pequenas illas? Unha das claves do seu éxito radica no feito de que sexan aínda unha colonia británica, a diferenza do resto de países desta rexión que optaron fai tempo pola independencia. Algúns apenas teñen máis poboación que pequenas cidades como Lugo ou Pontevedra, pero exhiben himno nacional, bandeira, asento na ONU e algunha embaixada (onde poden custeala). Pero, á vez, teñen uns grandes problemas de desenvolvemento e inestabilidade social; a clase política adoece de todos os vicios que se poden atopar en calquera democracia, agravados polo feito de que son sociedades moi pechadas nas que é corrente que tres ou catro familias controlen os postos do goberno e a economía.

Ao contrario, as Caimán seguen baixo o paraugas da monarquía británica que se encarga das relacións exteriores e o sistema xudicial.

Teñen renunciado ao seu orgullo como pobo libre, pero a cambio fan caixa e viven como millonarios.

Dános a impresión de que, do mesmo xeito que os seus anfitrións caribeños, os millonarios que acoden alí a depositar as súas fortunas tamén deixaron de lado os principios morais que os obrigaban a contribuir cos seus impostos en prol do ensino, sanidade ou obras públicas, atraídos polos beneficios monetarios da evasión fiscal; estamos no de sempre, o vil metal.

Comentarios