Cadrando as contas

A COTÍO OÍMOS leccións de economía rápida, nas rúas, nos bares e mesmo en tertulias da radio e da televisión; todo o mundo ten opinión. En días pasados un coñecido comentarista afirmaba rotundo que o problema do paro se podía amañar Con un gran plan de illamento enerxético de edificios, o que tiña a vantaxe engadida de que reduciría a factura de combustibles do país e dos sufridos consumidores particulares. Este tipo de receitas semellan infalibles porque nunca se botan ben as contas. Neste caso, facendo os cálculos resulta que as necesarias subvencións terían que vir dunha suba de impostos pero, quen se apunta voluntario a pagar máis polo IRPF? Outra proposta con gran predicamento é a dun aumento xeral de soldos e pensións; os hipotéticos beneficios son tamén múltiples, xa que calquera aumento no consumo tería que favorecer a recuperación económica. Tampouco faltan agravios comparativos que esgrimir. Por exemplo, cando nos enteramos de que Inditex pagará catro mil euros mensuais aos obreiros que reforman a súa tenda nunha céntrica rúa de Zurich, tal e como corresponde ao salario mínimo da construción nese país. Conversando esta semana con un emigrante galego en Suíza, díxome que efectivamente eses son os soldos que se pagan, motivo polo que el apoia a limitación á entrada de novos traballadores comunitarios. Semella unha postura insolidaria, pero este paisano noso argumenta que as diferenzas de salarios cos países veciños son tan altas que os suízos, máis aló do temor a unha avalancha de españois, italianos ou croatas, temen tamén unha avalancha de franceses ou alemáns, que gañan dúas ou tres veces menos. Se atendéramos a unha desas leccións de economía rápida de barra de bar, se cadra o propio sería subir os soldos no resto de Europa e poñernos todos ao nivel dos helvéticos. Pero o manexo das finanzas non é tan sinxelo e todo ten unha contrapartida. Sábeno ben os mesmos peóns de obra que traballan en Zurich para Zara; tomar un café ou unha cervexa no bar que está xusto ao lado da obra cústalles nada menos que sete euros. A comida nos supermercados é tan cara que os que poden van comprala a Alemaña, e súrtense de diésel nas gasolineiras francesas. O ideal sería ter unha cousa sen a outra, os bos salarios sen os prezos polas nubes. Esa é a política imaxinativa que tentan facer algúns presidentes sudamericanos. O resultado é un mercado desabastecido que está a levar a varios países ao caos, e no caso concreto de Venezuela, a implantar tarxetas de racionamento. Porque para facer economía non abonda con teorizar, tamén hai que usar a calculadora.

Comentarios