''Cada vez mayor número de personas perciben la cámara como un enemigo''

Foto: MARGARITA TABERNERO
photo_camera Foto: MARGARITA TABERNERO

Xulio Villarino, fotoxornalista, atopou nas paisaxes natural e humana de Galicia a súa inspiración

1. ¿Que é o que máis lle gusta e lle desgusta do seu traballo?

O mellor é que me permite coñecer a fondo a moitas persoas, situacións e paisaxes que seguramente doutro xeito non coñecería. O que máis me desgusta é que cada vez máis persoas perciben a cámara como un inemigo (derivado do mal uso da televisión), cando debería ser ao contrario.

2. Se volvese empezar, dedicaríase a...

Volvería dedicarme ao mesmo.

3. O soño que máis se repite é…

Un terremoto.

4. ¿Estraña algo do que foi deixando atrás?

Non. Ou, se acaso, a tensión do día a día da prensa.

5. ¿A quen admira?

A aquelas persoas que axudan aos demais de forma desinteresada sen esperar nada a cambio.

6. ¿Hai algo do que se arrepinta que se poida contar?

Non, pero se me arrepentise podería contarse.

7. ¿Votou nas últimas eleccións?

Si, pero non sei se o farei nas próximas.

8. ¿Atrévese a dicir a quen?

‘Pasapalabra’.

9. ¿Que cita subscribiría?

«Non me gustaría chegar á morte dándome conta de que non vivín».

10. ¿Que coche ten?

Un Renault Clio vermello, ¡e vou polo terceiro!

11. ¿Cal foi o capricho máis caro que mercou?

Tódolos meus caprichos confesables teñen que ver cos deportes que practico. E foi unha taboa de windsurf JP Australia de slalom moi lixeira.

12. ¿Cal é o seu ben material máis prezado?

Os bens materiais non son os máis prezados para min.

13. Unha toleada que fixera por amor.

Ter unha filla con 21 anos e, sen dúbida, volvería a facelo.

14. ¿Hai algo que non lle perdoaría a súa parella?

As únicas que non se equivocan son as máquinas, e eu prefiro as persoas.

15. ¿Teñen algún pacto?

Non, abonda con ser consciente do anterior.

16. ¿Envéxalle algo ao outro sexo?

Non. Eu acostumo a falar de personas, en lugar de homes e mulleres.

17. ¿Que libro ten enriba da mesiña de noite?

‘El espejo del mar’, de Joseph Conrad, pero non teño mesiña de noite.

18. Non sae da casa sen...

Mirar a intensidade e dirección do vento na previsión meteorolóxica, nin sen o teléfono móbil.

19. ¿Que pecados capitais desculpa?

Pecado é unha palabra tan fermosa… pero ten un carácter moi relixioso e eu son de ciencias.

20. Pérdeo un bo...

Unha boa tarde de verán con sol e calor, con 20 nudos de vento do nordeste e olas de dous metros cos amigos na praia de Arealonga.

21. As súas mellores vacacións.

En Jericoacoara, ao norte Brasil, hai catro anos.

22. A súa viaxe soñada sería a...

Conducir varios meses ata Shanghai, nunha furgoneta.

23. ¿E a súa materia pendente?

Darlle forma a un libro no que levo tempo traballando sobre... ¡sorpresa!

«PRECISO MAR E VENTO NA MIÑA VIDA»

1. Despois de captar coa súa cámara imaxes de moitos puntos do planeta, agora está moi centrado en Galicia, ¿atopou aquí toda a inspiración que precisa para traballar?

Si, aquí sinto que entendo moi ben cales son as claves do que ocorre para poder contalas. Eu síntome social e culturalmente moi galego, creo que vai moi dentro de min.

2. Naceu en Foz e sempre viviu preto do mar. Semella que é algo imprescindible...

Pois si. O mar é imprescindible na miña vida, todo xira en torno ao el e o vento, dende as fotografías ata o windsurf, o kitesurf ou o voo libre en parapente sobre os acantilados.

3. ¿Fotoxornalismo ou fotografía artística, con cal se expresa mellor?

Depende da situación, pero a miña linguaxe principal é o fotodocumentalismo (que non é menos artístico nin elaborado que outro tipo de fotografía), no que podo traballar con profundidade e a longo prazo.

4. ¿Que é iso que lle falta por capturar coa súa cámara?

Iso creo que é mellor ir descubríndoo a medida que pasa a vida, sen présa e sen marcarlle o ritmo.

Comentarios