Cacharelas de verán

A estación na que estamos, é a apropiada para as chamadas serpes de verán que, como é sabido, enchian os baleiros informativos con reportaxes e noticias pintorescas e chamativas, moitas veces froito da imaxinación dos redactores. Pero a calor, e máis cando é excesiva, produce moitas veces un quecemento de algunhas neuronas, ilustres ou non, até o ponto de facer prescindible a resurrección do monstro do lago Ness. Repasemos algunhas relevantes ocorrencias a xeito de refrescante orballo de verán.

O inagotable presidente de Venezuela ordeou exhumar os restos do heroi da independencia, Simón Bolivar, porque sospeita que non morreu de tuberculose, senón que puido ser envelenado. Hai quen di que o novo exame e análise vai dar como resultado as duas cousas, a tise e mais restos de arsénico porque daquela utilizábase en pequenas doses para tratar a enfermedade producida polo bacilo de Koch. Agora só falla a investigación histórica para comprobar se entre os médicos que atenderon o Libertador non habería algún de apelido Uribe, para completar a posta en escena deseñada por unha personaxe que é quen de detectar na tribuna das Nacións Unidas o cheiro a xofre que, seica, desprende o demo, ainda que sexa reencarnado en forma do expresidente Bush, dos Estados Unidos. Por certo ao fío destes feitos resultounos ben raro que no pasado ano, no medio dos abondosos e sesudos estudos dedicados a Ramón Piñeiro, co gallo da dedicatoria do Dia das Letras Galegas, a canícula non lle inspirase a ninguén que a morte de Castelao fora inducida polo ensaista e político de Láncara, responsable para algúns de tantas tropelías, a maior das cales foi pensar que el era o máis axeitado para ocupar unha cadeira no goberno republicano no exilio, con sé en París.

Pero volvendo ao alén mar, se daquelas latitudes noutrora terras de conquista, de piratas e bucaneiros e de revolucións, pasamos a estas nosas, antano de chuvia e calma que dixo o poeta, pero hoxe tórridas, e percuramos o calentamento máis ben minoritario que global, atopamos mostras capaces de facer saltar os termómetros. É ben sabido que hai moitos anos —desde os tempos da II República—, celébrase o Día da Patria Galega, data que tivo e ten distintas advocacións denominativas como Día de Galiza ou Día Nacional de Galiza. Pero este ano, seguramente mercé á intervención do astro rei, alumeouse unha nova: Día da Patria-Matria Galega. Un achádego inconmesurable e inmarcesible, superador con diferencia da secuencia aquela de membros e membras e merecente, xa que logo, do Premio Trampitán de Parvadas Semánticas. Un verdadeiro asombro do mundo cristiano como o penedo furado de San Benito de Cova de Lobo, do que falou Curros, ainda que aquí a milagreira virtude non sexa de carácter ortopédico, senón frenopática.

Comentarios