CABALGATAS DE REIS NA CHAIRA

Facémosvos un pequeno resumo de onde vos poderedes atopar coas Súas Maxestades de Oriente no seu paseo pola zona

Abadín: Ás 16.30 horas do día 5 sairá a comitiva real dende o pavillón, visitará o centro de día e logo os Reis recibirán aos nenos no salón de actos do novo consistorio. Para rematar haberá unha festa no ximnasio do colexio.

Begonte: Ás 16.30 horas do día 5 partirá o desfile de diante da casa do concello, cara ao pavillón de Begonte, onde haberá unha festa na que tamén se entregarán os premios do Concurso de Postais.

Castro de Rei: En Castro de Rei haberá dúas cabalgatas. O xoves 5 os Reis Magos chegarán a casa da cultura de Castro ás 18.00 horas, onde antes, ás 16.45, actuará o Mago David. O ilusionista repetirá ao día seguinte, o venres 6,  na Festa de Reis de Castro de Rei, que será no teleclub ás 16.30 horas.

Cospeito: O desfile percorrerá as rúas dende as 17.00 horas, cara ao pavillón de Feira do Monte, onde haberá unha festa.

Guitiriz: Os Reis farán unha dobre parada. Ás 16.00 horas estarán no Campo da Feira de Parga e a partir das 17.30 horas desfilarán dende a Ponteveiga cara ao pavillón de Guitiriz, onde se sortearán os premios da campaña de comercio e da Noite Aberta.

Meira: O desfile real partirá da Praza do Concello ás 17.00 horas con rumbo ao pavillón municipal, onde haberá unha festa.

A Pastoriza: Os Reis Magos comezarán a visita ás 12.00 horas no xeriátrico de Bretoña e a partir das 16.00 horas desfilarán pola Pastoriza cara a antiga ladrilleira, onde haberá actuacións musicais e contacontos.

Pol: Ás 17.00 horas Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán a casa do concello para logo dirixirse ao centro sociocultural, onde haberá festa.

As Pontes: O desfile partirá da Rúa Monte Caxado ás 18.00 horas con rumpo a Santa María.

Vilalba: A visita real comezará ás 17.30 horas no Hospital Asilo e logo a comitiva dirixirase cara a Praza da Constitución, acompañada pola música das distintas agrupacións locais.

Comentarios