Buxiganga, o voso é máis ca puro teatro

Buxiganga é o nome que se lles daba ás antigas compañías de teatro formadas por seis homes, dúas mulleres e varias mulas. Estes actores percorrían cidades e vilas representando un amplo repertorio. Tareixa Campo, integrante do grupo de Teatro do Consello da Cultura sostén que a crenza popular di que estas agrupacións teatrais teñen esta denominación porque os seu integrantes levaban na man unha vexiga de porco mentres actuaban.

Sosteñen outros estudosos que ‘buxiganga’, ‘bexiganga’ ou ‘bujiganga’ son algúns dos alcumes das compañías de teatro da legua; isto é, unhas agrupacións que tiñan que malvivir a unha legua das cidades ao seren considerados persoas non gratas.

Por fortuna mudou o conto e a Buxiganga é hoxe en día moi ben recibida aló por onde pasa. Alomenos, así sucede co programa de teatro amador argallado pola área de Cultura da Deputación de Lugo, que na súa edición de 2010 tivo a 275 actores de 16 compañías amadoras da provincia a facer 90 actuacións en 45 municipios.

Conta Rubén Pérez Pombo, coordinador técnico de Buxiganga, que no espírito itinerante de La Barraca de Lorca inspira este conxunto de actividades, que van das representacións ao uso aos cursos formativos.

No plantel de Buxiganga hai formacións veterás, coñecidas na escena provincial e que teñen a súa base de operacións na cidade de Lugo, na comarca da Ulloa ou na Mariña, onde ao longo dos anos fixeron fame de teatro. Mais tamén hai grupos nacidos grazas ao acubillo de Buxiganga, que dende que botou a andar asistiu a tres felices natalicios para as táboas na provincia.

Buxiganga conta como éxitos os trinta ou corenta espectadores que pode haber en casas da cultura de municipios nos que nunca programación de teatro houbo do mesmo xeito que celebra os centos de espectadores en territorios onde existe unha programación estable e o público demanda teatro.

O obxectivo é que todos os habitantes da provincia poidan ter acceso á maxia da actuación en directo un pouquiño máis preto e que os grupos amadores dispoñan dun circuíto e unha axuda económica e técnica para presentar o seu traballo ante ollos distintos, apuntan desde a Deputación.

Buxiganga loita as fins de semana contra o fútbol televisado e contra o acto social máis habitual en moitos dos municipios máis cativos: os enterros e cabodanos.

Con todo, Pérez Pombo salienta fitos como o éxito dunha adaptación do ‘Hamlet’ de Shakespeare representada ante os habitantes da residencia Carlos IV de Outeiro de Rei a carón do artigo de louvanza que Roberto Pascual, director da Mostra de Ribadavia, lle dedicou ao proxecto lugués na Revista Galega de Teatro.

De seguido, falan os artistas da Buxiganga luguesa, que teñen feito acopio de anécdotas e pareceres das súas experiencias escénicas.

PALAS DE REI
Xosé Manuel Pérez Paredes, Metátese
"Sentímonos como estrelas de cine no teatro Pastor Díaz de Viveiro"

O grupo Metátese de Palas de Rei é un dos veteranos da escena caseprofesional da provincia de Lugo, con máis de 18 anos sobre as táboas. Xosé Manuel Pérez Paredes é un dos activistas desta agrupación que ten organizado os actos do décimo aniversario da Federación Galega de Teatro Amador e que en Buxiganga atopou tamén o seu oco.

Pérez Paredes asegura que os grupos afeccionados lugueses son «a envexa de toda Galicia» por dispor desde circuíto e que é un gusto actuar en espazos feitos especificamente para o teatro, que non son moi habituais pola provincia. «Actuar nun teatro coma o Pastor Díaz de Viveiro é fantástico. Os rapaces sentíronse coma estrelas de cine: cos camerinos, esa acústica... alí vives o verdadeiro teatro», sinala.

Porén, este actor palense valora tamén a posibilidade de coñecer a provincia, de formarse con profesionais e intercambiar experiencias con outros grupos. O integrante de Metátese garda para si a felicitación dunha muller sudamerciana que se ergueu para darlles os parabéns aos intérpretes palenses logo dunha montaxe na que se aborda a inmigración «desde a crítica social».

Tamén, engade, unha actuación no municipio do Páramo. «Estaban cunha feira ao lado do campo da festa e veu o público moi animado», lembra.

BARALLA
Yolanda González Cabero, A Rabela
"Nos sitios onde hai grupos hai tamén máis público de teatro"

A Rabela é un grupo que leva catro anos de teatro en Baralla. Conta Yolanda González Cabero, que xunto a Pura Janeiro se encarga un pouco da coordinación, que son case unha vintena de persoas do municipio as que se embarcaron nesta aventura. «Eu son a máis nova e teño 43; as máis vellas andarán polos setenta anos», conta das súas «chicas». E fala de «chicas» porque o teatro, en Baralla, é cousa de mulleres. «Os homes non se animan; hai algún que axuda cos aspectos técnicos, pero non para actuar», comenta González Cabero.

O teatro prendeu de tal xeito nestas señoras, que ben merecían un grupo de Facebook, acoden ás representacións todas que teñen lugar en Baralla e desprázanse para participar como público nas que son en municipios cercanos... e non tanto. Ata Muras viaxaron, por exemplo, para ver unha función «boísima» do grupo do hospital de Lugo.

Elas lembran con agarimo os seus bolos, especialmente un que tivo lugar en Ribas de Sil, na rúa, e con moita implicación, agradece Yolanda González, «tanto do Concello como do público, que estiveron encantadores».

ANTAS DE ULLA
Teresa Batán, Grupo da Biblioteca Pública
"Temos que loitar contra o fútbol, as matanzas, os enterros, o San Froilán..."

O Grupo da Biblioteca Pública de Antas de Ulla é outro dos veteráns no teatro amador da provincia. Conta Teresa Batán que ao ter grupo de adultos e de nenos, en Antas sucede que hai familias enteiras, pais e fillos, que probaron a vertixe da cuarta parede. A experiencia interxeracional e o feito de que actores afeccionados que ás penas teñen abandonado a adolescencia se comprometan nas representacións e nos ensaios en detrimento do seu tempo de lecer son algúns dos valores que destaca esta muller encargada da coordinación.

Percibe tamén que o público aumenta nas funcións a medida que existe unha programación máis ou menos estable e está o público afeito ao teatro. «Si que hai actuacións con pouquiña xente, pero é o único xeito de que algún día haxa máis», asevera.

É que a contraprogramación, ás veces, é moi dura para os grupos de Buxiganga: «Que si o fútbol televisado, que si as matanzas, que si os enterros, que si o San Froilán...». Nada que faga fraquear os ánimos.

VIVEIRO
Carmen Rodríguez, TeatroCrea
"Merece la pena aunque haya muy poquita gente"

Unha das máis innovadoras propostas da Buxiganga luguesa é a de TeatroCrea de Viveiro, vangarda dirixida por Carolina Fernández ao servizo de tres actores. Unha delas é Carmen Rodríguez, que se puxo no rol da Menchu de ‘Cinco horas con Mario’, de Delibes nunha montaxe na que o monólogo do xenial pucelano adopta o punto de vista de tres personaxes. TeatroCrea fai un ‘Cinco horas con Mario’ en galego e castelán, conta Carmen Rodríguez, coñecedora do traballo de Lola Herrera e de Natalia Millán na máis recente versión. Na súa experiencia, ela cre que Buxiganga poder ser un revulsivo «contra la telebasura que hace que la gente se siente delante de la tele y no pestañee». Ela considera que hai concellos, «que podrían publicitar más las actuaciones» e lugares «con muy poquita gente». Aínda así ten claro que paga a pena: «La experiencia es muy positiva y la gente responde muy bien. ¡Además, nos está permitiendo conocer la provincia!».

LUGO
Tareixa Campo, Achádego
"As comedias gustan, pero non serve todo"

Tareixa Campo é integrante do grupo de Teatro do Consello da Cultura Galega e investigadora, pero tamén directora do grupo Achádego de Lugo, máis de dúas décadas de experiencia e agora, a xirar pola provincia da man de Buxiganga. A súa voz autorizada conta que, polo xeral, funcionan mellor as comedias que as traxedias, «porque a xente busca pasar un rato agradable». Pero advirte: «Facer rir é complicadísimo e non serve calquera tipo de humor. O noso público non é parvo».

Comentarios