Publicidade: Promocionarase Burela Bonita

Burela superou os rexistros turísticos este verán

As rutas xeolóxicas contaron con máis de 400 participantes ► O goberno local está traballando nun proxecto con Ribadeo e Cedeira
O barco museo aumentou o número de visitas este verán
photo_camera O barco museo aumentou o número de visitas este verán

O concelleiro de turismo e primeiro tenente de alcalde de Burela, Ramiro Fernández Rey, presentou os datos da campaña estival de 2016. Uns datos que sitúan a presente campaña estival como a mellor dos últimos anos e onde se destacou o éxito das rutas xeolóxicas de A Marosa e O Perdouro, con máis de 400 participantes. Precisamente, o concelleiro de turismo burelés anunciou a posta en marcha dun proxecto en común cos concellos de Ribadeo e Cedeira. 

Ramiro Fernández destacou o incremento de visitantes con respecto a 2015. O edil socialista indicou que "o número de visitas rexistradas na oficina de turismo en agosto chegou ás 2.469 consultas, un dato que supera as 1.864 do mesmo período do 2015, o que supón 605 persoas máis. En canto ao barco museo os datos son tamén moi positivos xa que si no ano 2015 pasaran a visitar o barco 774, este ano practicamente se duplicaron as visitas, chegando ás 1.392". Datos que para o tenente de alcalde, "son moi positivos e poñen de relevancia o traballo feito na promoción turística por parte deste equipo de goberno". 

Fernández Rey di que este ano será recordado como histórico no tocante ao turismo, e que o concello tentará mellorar no futuro

O concelleiro de turismo referiuse tamén á actividade hoteleira, destacando que "rozouse o 100 por cento de ocupación na maioría dos hoteis de Burela. O que significa que a economía da localidade se veu moi beneficiada, sendo este o obxectivo principal que buscamos coa inversión na promoción turística", subliñou. 

NOVIDADE. O edil mostrou tamén a súa satisfacción polo éxito acadado polas rutas xeolóxicas que puxeron en marcha as concellarías de turismo e medio ambiente. 

Dos percorridos turísticos, Ramiro Fernández dixo que "conseguimos unha participación superior ás 400 persoas. É unha iniciativa da que realmente estamos moi orgullosos, xa que ademais de tratarse dunha actividade novidosa, serve tamén para coñecer a historia xeolóxica do noso pobo". 

O concelleiro sinalou que dende a corporación seguirán traballando para impulsar estas rutas e Fernández Rey anunciou a posta en marcha dun proxecto en común cos concellos de Ribadeo e de Cedeira para continuar con esta iniciativa. O edil socialista remarcou que o proxexto foi presentado á convocatoria de axudas do GALP e conseguira a máxima valoración, polo que "pretendemos darlle contido a este tema e continuidade durante todo a ano".

Comentarios