Bucinas

SEGUE VIVO entre as nenas e máis os nenos neofalantes o costume, se cadra inducido en bastante medida por avoas e avós, de se referir ó automóbil dicíndolle popó, supoño que como cómodo atallo no complexo camiño do correcto falar, algo para o que sempre se precisa tempo, esforzo —aínda que, polo que nos é dado escoitar un día si e outro tamén, poida parecer que quedando instalado para sempre no atallo sexa posible chegar até as máis altas instancias políticas e sociais— e bastante práctica.

Non creo que sexa demasiado arriscado aventurar a orixe onomatopeica da expresión, baseada no son producido pola bucina coa que veñen pertrechados os coches para poder con ela advertir de presencia e proximidade e en evitación de posibles perigos para outros usuarios de rúas e estradas.

Houbo un tempo no que o seu uso era moitas veces necesario e mesmo, en ocasións, obrigado: había que facer soar a bucina con toques curtos e seguidos cando se marchaba cara atrás, era preciso avisar con ela da chegada próxima a unha curva de escasa visibilidade ou a unha intersección de rúas ou camiños e, por suposto, utilizala sempre para poñer en garda a peóns, ciclistas, carreteiros, pastores e calquera outro ser vivo co que puidese un bater. E o son emitido correspondía, case sempre, ó po-pó que dera lugar a forma infantil de nomear á máquina que o producía. Despois —debeu ser cando xa se lle comezou a chamar claxon— apareceron novos modelos de bucina, algúns deles en exceso requintados e chocalleiros, que pretendían diferenciar no posible a uns conductores de outros e que, case sempre, o único que conseguían era outro tipo de uniformidade, este moito máis estridente. Os cativiños seguiron usando a fórmula súa.

Co paso do tempo e coa mudanza que se foi producindo nas vías de comunicación a utilización da bucina nos automóbiles foi quedando limitada a casos moi determinados: para apresurar ó coche que está por diante cando muda a cor no semáforo, para dirixir un saúdo á amiga que camiña pola beirarrúa, para participar no festexo nocturno e colectivo co que se celebra a consecución do título de Liga polo equipo de fútbol do que se é seareiro, para mandar unha airada chamada de atención ó chofer novato que, na nosa opinión, marcha polo carril que non é o del e, sobre todo, para entrar a formar parte do coro que protesta impaciente en embotellamentos e outros incómodos incidentes diso que chaman circulación rodada, como o que estoutro día tiven ocasión de ver —e, sobre todo, escoitar— nunha céntrica rúa de Lugo e que me permitiu oír como a nena loura que ía no colo de seu pai dicía o de popó sinalando divertida ó BMW azul do que proviñan as máis estridentes e continuas trompetadas e de cuxa ventaíña emerxeu case medio corpo dun home groso e bastante calvo para preguntarnos: Por que estamos parados?

Xa ves, para ter unha desculpa para poder tocar o pito, contestou o pai da pequena. E eu entendín moito mellor o da onomatopea.

Comentarios