Bruzos cre que o Consello das Mareas "non ten lexitimidade"

Defende que "non houbo irregularidades" nas primarias e asegura que a dirección de En Marea se apoia en auditorías "secretas" porque "había garantías plenas para votar desde o 1 de decembro"

David Bruzos, en el centro. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera David Bruzos na presentación da candidatura Entre Todas. PEPE FERRÍN (AGN)

A cabeza da candidatura Entre todas ao Consello das Mareas, David Bruzos, tachou de "farsa" a reunión mantida este sábado polo máximo órgano político de En Marea, xa que "non ten lexitimidade" e está "en funcións" ao permanecer paralizado o seu proceso de renovación desde o pasado 1 de decembro. 

En declaracións remitidas aos medios, Bruzos culpa ao portavoz de En Marea, Luís Villares, e ao resto de membros da dirección de "atrasar as votacións" que se debían celebrar hai dúas semanas pero que foron anuladas polo Comité de Garantías –no que teñen maioría afíns a Villares– tras detectar irregularidades no censo electoral. 

Segundo a cabeza da candidatura dos críticos, que conta co apoio de Podemos, Esquerda Unida, Anova, e os alcaldes da Coruña, Ferrol e Santiago, "non houbo regularidades" no proceso de primarias, senón que a paralización foi "unha estratexia de atrasar todo o posible as votacións". 

Así, despois de que o Consello das Mareas decidise este mesmo sábado prescindir das empresas que custodiaban o censo e se encargaban das eleccións, Bruzos considera que implementar o novo sistema de votación "levará moitísimo tempo". "Agora inventan un novo inimigo", esgrimiu.

"BOTAR BALÓNS FÓRA". Neste sentido, a candidatura Entre todas acusa a Villares e á actual coordinadora de "botar balóns fóra" e apoiarse en informes periciais "que son secretos" e "que non lles queren ensinar" porque, en palabras de Bruzos, "evidentemente demostraríase que non hai ningún tipo de irregularidade e que había garantías plenas para poder votar desde o día 1 de decembro". 

Por todo iso, e apuntando á "irresponsabilidade tremenda" do portavoz por "dilatar" o proceso, Bruzos insiste en que "se renoven" as primarias para que os inscritos poidan elixir a súa dirección política. 

PODEMOS GALICIA. Pola súa banda, o Consello Cidadán de Podemos Galicia considera que hai unha "ausencia de xustificación" para paralizar as primarias de En Marea, unha medida decretada o pasado 1 de decembro despois de que a Comisión de Garantías do partido instrumental detectase irregularidades no censo electoral. 

Segundo expresa a dirección do partido morado tras celebrar unha reunión este sábado en Vigo, o Consello das Mareas trátase dun órgano "en funcións" e ve "de extrema gravidade" e "indignante" a decisión de suspender as primarias. 

Comentarios