Bruno Pena recupera a lenda da chave de Bascuas nunha curta

A capela de San Salvador ou a presa de Merra foron algúns dos lugares de Guitiriz onde se gravou a cinta, que viaxa ao 1920

Na musealizada capela de Bascuas gárdase unha chave trala que se agocha unha historia de superstición e crenzas de antano, punto de partida da curtametraxe ‘A Chave de Bascuas’, o proxecto fin de carreira do guitiricense Bruno Pena que foi medrando ata converterse nunha produción que implicou a máis de 70 persoas e que esta fin de semana viviu un dos seus momentos clave, a gravación.

«A parte da rodaxe, que é unha das máis complicadas, xa está superada, pero aínda queda moito traballo por diante, coa montaxe, a postprodución e a estrea», di Bruno, consciente de ter superada unha fase, pero lonxe aínda dunha meta que espera atravesar a finais do verán, cando se proxecte por primeira vez a curta, por suposto, en Guitiriz.

«Antigamente, á xente que lle trababa un can, pensaban que podía ter a rabia, polo que lle poñían na fronte a chave, incandescente», relata Bruno sobre o punto de partida do seu guión, que parte desta lenda a través de dous momentos distantes no tempo.

Fernando Morán, Carmen Conde e Xosé Barato interpretan os personaxes principais xunto aos nenos Teresa Lorenzo e Abel Pena

É Marcelo, interpretado de neno polo guitiricense Abel Pena e de avó por Fernando Morán, o encargado de narrar a historia. No tempo presente, cóntalles aos seus netos a razón pola que ten unha marca na fronte, e en flashback revívese o que aconteceu no ano 1920, cando coñeceu a Xoana (Teresa Lorenzo).

A súa nai está interpretada por Carmen Conde e ao cura encargado de custodiar a chave ponlle cara Xosé Barato.

Unha vivenda en Sesulfe, a presa de Merra e a capela de Bascuas e o seu contorno foron os espazos seleccionados para gravar a curtametraxe, que conta co apoio da Fundación TIC e do Balneario de Guitiriz, ademais doutras moitas empresas ou do grupo de música Luar na Lubre, que lles concedeu o permiso para usar a súa música na cinta. «Puxémonos en contacto con eles e gustoulles a idea», di Bruno Pena, e xa temos seleccionadas varias cancións.

«Temos aínda moito traballo por diante e esperamos que saia todo ben, pero si que podo dicir que, como xa puiden ver algo, hai cousas moi chulas», adianta o máximo responsable dun proxecto que contou con figuración non só de Guitiriz, senón de toda Galicia, grazas ao cásting feito para completar o elenco.

Comentarios