domingo. 25.07.2021 |
El tiempo
domingo. 25.07.2021
El tiempo

Bruno Pena: "A curta fórmana pedaciños que moitas persoas foron achegando"

Bruno Pena, no photocall da presentación da curtametraxe ‘A chave de Bascuas’
Bruno Pena, no photocall da presentación da curtametraxe ‘A chave de Bascuas’
A estrea da curtametraxe ‘'A chave de Bascuas'’, á que asistiron máis de 300 persoas e para a que se colgou o cartel de aforo completo, supón un reto cumprido para este guitiricense, pechando un ciclo que se abría en xaneiro cun proxecto que non fixo máis ca medrar

Era a idea para o proxecto de fin do grao de Comunicación Audiovisual de Bruno Pena, pero pouco a pouco foise convertendo nunha iniciativa colectiva que mobilizou ducias de persoas, institucións ou a TIC, por cuxas aulas pasou o propio Bruno, quen agarda poder afrontar novos retos coma ‘A chave de Bascuas’, que lle permitan «continuar medrando tanto no eido profesional como no persoal neste mundo que tanto me apaixona». E vai por bo camiño. Afincado en Madrid, traballa no departamento de produción de Non Stop People, unha canle de Movistar Plus.

Que balance fai da estrea da curta ‘A chave de Bascuas’?

Moi positivo. Nun primeiro momento, o feito de que se esgotaran as entradas nun par de horas supoñía un reto para min, xa que non podía defraudar toda esa xente que tan ben estaba acollendo o proxecto. Agora, xa pasados uns días, a xente que asistiu trasmitiume que lle gustara, así que iso é o máis importante.

Como o fixo sentir esa expectación pola presentación da curta?

Dende a rodaxe, en xuño, ata a estrea foron varios meses de duro traballo para espallar o proxecto, a través das redes sociais, interactuando constantemente, con sorteos, publicacións, fotos, gifs… e na rúa, repartindo flyers e facilitando información da gala. Creo que ambos medios repercutiron en que tiveramos tan boa acollida en tan pouco tempo.

Teñen previsto facer máis pases en Guitiriz? Hai algún xa fixado?

Por suposto. Todo o pobo se involucrou, polo que este traballo pertence a todos eses veciños e establecementos que dalgunha maneira pertenceron ao proxecto. Son moitas as persoas que queren ver o traballo, e todas terán esa oportunidade. De momento non hai ninguna data fixada, pero publicarémolo nas nosas redes para que ninguén quede sen vela.

"O día 12 na Invernada de Cine de Cabreiros haberá unha breve alocución de Alfonso Blanco, ambientando a curta"

Tamén se presentará o día 12 na Invernada de Cine de Cabreiros. En que vai consistir o acto?

Depende da organización do festival, pero haberá unha breve alocución inicial de Alfonso Blanco, ambientando no lugar e no espazo a curta, que logo se proxectará.

Que lle parecen iniciativas coma esta dos veciños de Cabreiros?

Parécenme inciativas moi interesantes e que non podemos perder. É unha bonita forma de xuntarse todos os habitantes do mesmo pobo cun interese común: o cine e a cultura audiovisual e, obviamente, a min que tanto me apaixona este mundo, síntome abrumado con este tipo de propostas. Aproveito para animar a asociación a que este tipo de iniciativas non decaian.

Para aqueles que aínda non tiveran a oportunidade de vela, que vai atopar o público na curta?

Versa sobre unha historia na cal un avó lle explica aos seus netos o motivo polo que ten unha marca na fronte. Remontándose aos anos 20, cóntalles que, cando era pequeno, coñeceu a Xoana, unha rapaza fermosa que lle dicía que a chave era máxica e cumpría desexos. Marcelo fará todo o posible por conseguir a chave e poder agasallarlla á súa amiga.

O resultado é o que esperaba? Coincide co que tiña na cabeza ao comezar este proxecto?

Como en todo traballo, realizado durante un periodo de tempo prolongado como neste caso e cun equipo tan numeroso, a idea foi madurando e mudando coas diferentes achegas de cada persoa que traballou nel. Esto é algo que cabe resaltar e destacar, xa que me sinto especialmente orgulloso de poder dicir que producín un proxecto no que puxeron parte de si moitas persoas. A curta está formada por pedaciños que moitas persoas ao longo de varios meses foron achegando.

Conta con actores recoñecidos e dous nenos guitiricenses nos papeis protagonistas. Tiña claro a quen quería en cada rol?

En canto aos actores recoñecidos, si. A primeira vez que lin o guión, tiña claro o perfil que podía darlle vida a aquelas verbas escritas en papel. Fernando Morán, Carmen Conde e Xosé Barato axustábanse ao cen por cen ao que eu buscaba. E en canto aos nenos protagonistas, decidimos realizar un cásting para que todos os nenos de Guitiriz puidesen ter a oportunidade de sentirse protagonistas da curta. Finalmente eliximos a Teresa e a Abel porque nos mostraron un talento especial, que sabiamos que non podiamos deixar escapar.

Como xurdiu a idea da curta? Que o levou recuperar esta historia?

Actualmente resido en Madrid e o feito de estar máis afastado de Galiza, das súas xentes e da súa cultura, fan que a valore cada día máis. Coido que con traballos como este, no cal o seu fin último é recuperar lendas perdidas, estamos achegando o noso gran de area á cultura da nosa terra, da terra que tanto queremos. Por outra banda, dende que me contaron a lenda de Bascuas, ambientada nun contorno tan próximo ao meu e que eu descoñecía por completo, motivoume a poñerme a traballar na súa recuperación e que esta non morrese co paso de xeracións. A día de hoxe, enorgulléceme poder dicir que grazas ao traballo do equipo de ‘A chave’, moitos guitiricenses poden contar dita lenda e coñecer a súa orixe.

"A nosa cultura ten unha enorme riqueza en canto a lendas, contos e historias, tan só debemos parar a falar cos maiores"

Hai máis historias locais susceptibles de converterense nunha narración audiovisual?

Por suposto que si. Eu agardo que ‘A chave de Bascuas’ sexa só o comezo dunha longa listaxe de lendas galegas recuperadas. A nosa cultura ten unha enorme riqueza en canto a lendas, contos e historias. Aínda que vivimos nun mundo puramente tecnolóxico, tan só nos debemos parar a falar dez minutiños cos nosos maiores para darnos conta de que existen miles de lendas que sería interesante inmortalizar.

Sen quen non sería posible que '‘A chave de Bascuas'’ saíse adiante?

Trátase dun proxecto que aglutina o esforzo de moitas persoas e institucións, que é o que precisamente o enriquece, coma o Balneario de Guitiriz, cedéndonos as súas instalacións, ou gran traballo que fixeron dende a Deputación de Lugo, o Concello de Guitiriz e, por suposto, a Fundación TIC, achegando a parte técnica e apoiándome dende o momento que saín da escola. Pero, sobre todo, quero subliñar que isto non sería posible sen achegas de diversa índole, xa que o proxecto partía dun presuposto cero, de empresas de primeira entidade e de comercios do pobo de Guitiriz. E tamén quero agradecer a todo o equipo que se embarcou conmigo nesta aventura e, ata o último momento, navegaron ao meu lado ata chegar a bo destino. O seu apoio e traballo incondicional fixeron que ‘A chave de Bascuas’ vise a luz. Todo o equipo técnico, artístico, de produción e toda a xente que, de forma anónima, puxo o seu gran de area.

Hai novo proxecto á vista?

Como dicía antes, debemos sentirnos afortunados das paraxes nas que vivimos, cunha gran riqueza de historias. Todas son susceptibles de ser contadas a través do mundo audiovisual. Polo que a min respecta, sempre estarei disposto a traballar para contribuír a recuperar as lendas perdidas de Galiza e así revitalizar a nosa cultura e a idiosincrasia galega.

Bruno Pena: "A curta fórmana pedaciños que moitas persoas foron...
Comentarios