Bruño Cardeñosa falará sobre lendas urbanas na Deputación de Lugo

O periodista ourensán Bruno Cardeñosa participará nas xornadas sobre literatura baseada na tradición oral ‘Lendas urbanas. Mitos e ritos dos tempos modernos’, que se celebrarán na Deputación de Lugo nos vindeiros días 28 e 29.

Cardeñosa -redactor xefe da revista Más Allá, colaborador de varios medios e autor de numerosos libros- explicará a distorsión da realidade e a creación dun imaxinario máxico que representan esas historias que se xeran nas cidades. A súa intervención está programada para as 18.30 horas do primeiro día, estando previsto que a seguir participe nunha mesa redonda con Luis Giadás sobre se existen lendas que poidan considerarse urbanas, modernas e contemporáneas.

Giadás é un investigador e conferenciante da bisbarra de Bergantiños que tratará ao comezo desa tarde, ás 17.15 horas as calumnias que rodean aos boticarios e sacamanteigas.

Tendas de chineses

A xornada do sábado comezarás ás dez da mañá cunha conferencia do doutor en Literatura Oral pola Universidade do Algarve José Joaquim Dias Marques que leva o curioso título de ‘O roubo de órganos nas tendas de chineses en Portugal’.

‘Todo canto se di, acontece’, asegura o doutor en Ciencias da Educación e experto en folclor oral vasco Fito Rodríguez, pois así titulou a charla que dará ás 11.30 horas dese día 29.

Para a unha da tarde está previsto que ambos os expertos compartan unha mesa redonda sobre o rumor utilizado como arma para perxudicar a terceiras persoas.

As xornadas rematarán de tarde co desenvolvemento dun obradoiro sobra narración e representación de diferentes tipos de lendas urbanas, que será dirixido por Celso Fernández Sanmartín.

Homologación

As xornadas, que foron organizadas pola Asociación SocioPedagóxica Galega (AS-PG) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) teñen solicitada unha homologación de dez horas á Consellería de Educación. A matrícula, que se abrirá dous días antes, é gratuíta ata completar as cen prazas.

O delegado provincial de Cultura, Mario Outeiro, explicou que as xornadas serán gravadas en DVD e serán destinados a seren distribuídos por centros escolares e bibliotecas da provincia.

Comentarios