Brevidade

A festa do sakura congrega aos xaponeses a brindar pola vida, pola saúde, pola felicidade e pola chegada da primavera. Estoura o sol e con el as cerdeiras atéiganse de flores brancas para recibir a nova estación, coma se fose unha capa de pétalos que loita contra a evidencia da neve aínda nas montañas.

Así tamén, no Val do Jerte na Estremadura as ringleiras de coches devólvennos rostros abraiados pola beleza efémera de máis dun millón de cerdeiras en flor. A súa é unha fermosura breve, apenas duns días ata que os pétalos vaian tornando froito encarnado.

A explosión repentina das cerdeiras lémbranos a brevidade da vida e como o óxido na pel vai murchando a carne sen remedio. Sen bótox que eviten os sucos que van deixando as horas e os días. No Jerte, as cerdeiras miran orgullosas os rostros perplexos das persoas que suspiran pola súa beleza feble e inaprensible.

E permanecen brancas e puras, sen reproches, talvez soñando que logo da beleza hai máis beleza como no famoso haiku: ''Unha flor caída tornou á póla! Non, era unha bolboreta''. Nesta mañá de primavera eu fico con Leo: ''sms Aind t levo n pel'' para aferrarme a que toda fermosura fuxida deixa atrás unha pegada indeleble. Como a sombra das cerdeiras florecidas nas meniñas dos ollos.

Comentarios