"«Nesta zona hai moito veterinario político, a verdade. Ves moito e coñeces moita xente"

Breixo González: "Hai que concienciar e regular para conseguir os cambios, e o ideal sería cero eucaliptos"

Aos seus 30 anos, o veterinario Breixo González está a dar os primeiros pasos para crear unha asociación en defensa do medio ambiente que pretende ser unha porta para formar e concienciar á máxima xente posible. Avoga por novas ideas de aproveitamento sostible do campo que axudarían a fixar poboación, "un dos maiores problemas do rural"
Breixo González
photo_camera Breixo González

Naceu no país vasco, criouse en Pontevedra, «un inmenso eucaliptal», e regresou á terra da súa familia, Rábade, onde ten unha clínica veterinaria. Comprometido e concienciado coa defensa do medio ambiente, é o presidente dun colectivo en plena creación, a asociación Terra Chá Sostible.

Como xorde e cales son os obxectivos da asociación?

Nace coa intención de protexer e promocionar o patrimonio natural, pero sobre todo de educar formando. E dar a coñecer á xente que traballa nesta zona que pode achegar novas ideas de aproveitamento sostible do campo e axudar a fixar poboación, un dos maiores problemas do rural.

Canta xente conforma a entidade e que radio de acción terá?

Somos algo máis de dez persoas e traballaremos en Terra Chá e na comarca de Lugo. Este domingo, ás 11.30, teremos unha reunión na Casa das Insuas, en Rábade, para darnos a coñecer e unir máis xente. Xa se mandaron cartas a todas as corporacións locais, porque a entidade está aberta a concellos, industrias, asociacións, persoas a nivel particular... a todo o mundo. Pero o que temos moi claro é que non vai ter cor política.

Está dando os primeiros pasos. Que tipo de actividades farán?

A nosa idea, sobre todo, é facer traballo de asesoramento e formativo. Botar unha man aos concellos, que xa cargan con moitas cousas, facer charlas, poñer a xente en contacto, promocionar ideas...

"A asociación nace coa intención de protexer e promocionar o patrimonio natural, pero sobre todo educar formando"

Cales son os principais problemas medioambientais actuais?

A destrución do noso patrimonio, incluído en gran parte en Rede Natura 2000. Estase incumprindo a normativa de protección e as distancias legais. Na cunca Miño-Sil hai que respectar 100 metros aos ríos para a plantación de especies alóctonas, segundo o plan hidrolóxico, publicado no BOE en 2016, pero non entrou en vigor, non se controla. E o monte estase destrozando coas plantacións de eucaliptos, e certos problemas xorden tamén da desinformación da xente. As normativas cambian e as plantacións de eucaliptos poden non ser vendibles, porque os que se plantan en terreos agrícolas non poderán obter a certificación forestal como FSC. A Xunta está co borrador para ultimar un decreto e a única empresa que se opuxo a establecer os límites de plantación foi Ence.

Como valora o novo decreto que está a punto de aprobar a Xunta? Teoría ou control real para limitar a plantación de eucalipto?

Teoría moi teórica, porque se trazas unha liña pero despois desa liña vas seguir facendo o mesmo, o que consegues é botar a perder máis zonas.

Defende o ‘cero eucaliptos’ ou hai un termo medio?

Un control moi estrito sobre el, aínda que o ideal sería cero.

Pero é unha utopía?

Non. O Grove declarouse o mércores libre de eucaliptos, vainos cortar e eliminar do seu termo municipal.

Un primeiro paso?

Un bo principio. Primeiro hai que concienciar e logo regular para conseguir os cambios. Como cando se prohibiron as hormonas no gando nos 80. Custou pero conseguiuse. Agora tes que ter un carné para usar pesticidas e hai un control férreo sobre os medicamentos. As cousas cambian.

En Lugo houbo manifestacións a favor do eucalipto.

Con respecto a esa asociación, está intentando defender intereses persoais e non xerais. Sabemos o que implica a gandería en Terra Chá, como no resto de Galicia. As explotacións e os proxectos agrícolas son os que fixan poboación, non as plantacións, que ademais non son compatibles con outras actividades. O eucalipto empobrece o chan e xera problemas no patrimonio por un sistema moi mecanizado de traballo.

Outros problemas, que opina dos pesticidas?

Necesítase máis regulación e máis control e darse conta de que se en vez de dar herbicida se contratase xente para desbrozar sería moito mellor para o medio e o paro.

E o lobo?

Hai que aprender a convivir e presionar as administracións para que paguen as perdas, que non o están facendo. E tamén hai que ver que non todas as razas teñen as mesmas perdas fronte ao lobo. As máis domésticas teñen máis que as rústicas.

Que retos quedan?

Poñer en valor outros cultivos e outras maneiras de explotación do campo: silvopastoreo, cultivos agrícolas, froiteiras, que aquí se dan, ou hortícolas, que non só hai pataca na Terra Chá. E tamén están en problemas agora. Hai que diversificar.

Hai concienciación a nivel xeral?

Depende do rango de idade. A xente máis maior, que pasou por dificultades, pensa máis nos cartos, pero tamén están desinformados. A xente máis nova está máis concienciada.

E na Administración?

En xeral os cargos políticos pensan máis na reelección que a longo prazo, son políticas curtopracistas. E iso non vale no rural. Necesítanse políticas para fomentar servizos básicos como internet no campo, unha ferramenta básica para unha empresa. E unha explotación gandeira ou agrícola non deixa de ser unha empresa e internet é un recurso para ser o seu propio intermediario.

Falta reivindicación e protesta?

Hai que tirar das orellas. Pero eloxiar tamén cando se fai ben.

Comentarios