"Boto de menos sons que xa non escoito, coma o afiador en Vilalba"

O vilalbés Abraham Felpeto uniu o seu gusto polas novas tecnoloxías, a natureza e a música nun único proxecto, a elaboración de mapas sonoros de Lugo ou de Vilalba, unha iniciativa que agora quere levar un paso máis alá, dándolle un propósito educativo
Abraham Felpeto, en Vilalba
photo_camera Abraham Felpeto, en Vilalba

Que é un mapa sonoro?

Como di a palabra, é un mapa que hai en internet sobre unha base cartográfica, neste caso de Google Maps, sobre o que se van xeolocalizando os diferentes sons que foron gravados previamente. Non ten moita ciencia.

Como naceu este proxecto?

Fixen en Lugo un máster de Dirección de Actividades Educativas na Natureza da USC e había que facer un proxecto na materia de Música e Natureza. Como tamén son mestre de música, busquei a correlación e xurdiu a idea de facer este proxecto, saír á rúa e saber a que soaba Lugo.

Quere levar os mapas sonoros un paso máis alá, ao terreo educativo. Cal é súa nova iniciativa?

Os mapas sonoros teñen un percorrido limitado, por exemplo a web escoitar.org, que foi o primeiro mapa sonoro de Galicia, acaba de pechar por falta de apoios. Aquí en Galicia as institucións non apoian este tipo de iniciativas, así que quero darlle unha volta á idea e estou creando un mapa adaptado para un uso educativo, para que os profesores poidan empregalo, que sexa un exercicio que os alumnos poidan facer saíndo á rúa, que graven e logo poidan editar. Creo que non hai nada que faga iso. A miña idea é probalo nun centro educativo, cos mestres de música, para acabar de definilo.

Que material se precisa para elaborar un mapa sonoro?

Un sinxelo teléfono móbil con gravadora de son ou unha videocámara se se quere acompañar de imaxes. En realidade, calquera dispositivo que grave é útil.

Fixo un mapa de Vilalba, a que soa a capital chairega?

É difícil de contestar. Depende da época do ano, da hora á que saias escoitar… Por exemplo, non é o mesmo saír un día de feira que á noite. Se tivera que dicir algo, diría que soa a tradición, temos moitas feiras, mercados, actividades que se fan desde hai moitos anos e é un ambiente máis ou menos rural, coa natureza moi presente.

"A imaxe é mellor non usala porque che quita a sorpresa, deberiamos aprender a usar os outros sentidos"

Existen realmente as diferenzas sonoras que se poden presupoñer entre o campo e a cidade?

Si e non, porque a maioría dos elementos se poden atopar nos dous lados, oficios, animais… Hai bastantes similitudes nese eido, outra cousa son o tipo de sons que predominan, na cidade mecánicos e no rural da natureza.

Hai algún son que lle gustaría especialmente gravar?

Procuro ir a todos os sitios con gravadora e así gravo todo o que me chama a atención, así que quizais o que me gustaría sería gravar un deses sons que se perderon no tempo, coma os carros pasando pola vía principal de Vilalba, como facían hai anos.

E algún que sexa significativo?

Hai sons que boto de menos porque hai moito tempo que non escoito, como por exemplo un afiador por Vilalba, por eso cando te atopas con el é bonito. Ou cando das cun elemento que non esperas. Os sons son caprichosos, podes ir gravar unha cousa e xusto ese día non escoitala. Por exemplo, fun a Correos en Lugo para gravar unha campá que soa sempre á mesma hora, e xusto ese día non funcionaba. Os sons non están sempre no mesmo lugar á mesma hora.

E entre tanto son, que papel xoga a imaxe?

A imaxe non debería xogar ningún papel, porque nos engana, é mellor non usala. Podo coller o son dunha vaca e manipulalo, pero se tes a imaxe, quítache a sorpresa. Estamos acostumados ao mundo visual, a todos os sitios imos coa vista e deberiamos aprender a usar outros sentidos, porque hai moitas cousas que nos pasan desapercibidas a diario.

Traballa no Centro de Supercomputación de Galicia, cal é o seu cometido?

Traballo en Create Your Future, un proxecto europeo entre varios países no que tentamos abrir portas de cara ao futuro, darlles posibilidades de inserción laboral aos supervivintes do cancro infantil. Estamos aínda nas primeiras fases, porque se trata dun proxecto a tres anos, ata o 2017.

Comentarios