Botellón de adestramento

TEÑO certas dificuldades de tipo físico e mental para comprender como un corpo humano pode seguir san, ou sequer vivo, despois das inxestas de alcohol e substancias varias como, por exemplo, pipas de xirasol, durante 9 ou 10 horas seguidas; se engadimos música ou ruído a todo decibelio e berrallouzadas ao son para facerse escoitar,completamos o cuadro observado por alguén que como esta asinante procede doutra civilización. Ao ter esas dificuldades para comprender onde reside o segredo dese modo de divertimento púxenme a indagar e atopei varias explicacións. Que conste que a última paréceme a máis convincente.

En primeiro lugar, pregunteille a unha persoa que di comprender ese modo de diversión e argumentou : a noite é un lugar máxico. Iso si, visto cun pouco de renda persoal, suficiente para poder elixir entre viver co horario imposto, o horario que marcan na túa empresa, e un engadido de bohemia romántica máis pasada de moda que un carro de cabalos. Cumpridas esas dúas condicións, a horaria e mais a da renda, e rodeándose dun círculo adecuado de bohemios ao uso e dispoñendo de alguén que prepare en condicións a intendencia doméstica, si se pode viver nese lugar máxico que é a noite. Mesmo se podería visitala esporadicamente para se enchoupar da dita maxia. Debemos anotar que convén, para que a maxia non desapareza, que sexa unha grande cidade, xa que a relativa abundancia de locais pode permitir ir cambiando de sitio de reunión, se non a cousa acaba como n’ ‘A Esmorga’: a morte. Se falamos da noite de New York, London, París e mesmo Barcelona (en Madrid xa vimos como se pode acabar), as posibilidades da maxia con diñeiro son moitas.

Outra persoa con quen intercambiei opinións argumentaba -de maneira absolutamente materialista -que os botellóns, diversión dunha grande parte da mocidade, son promovidos polos vendedores de bebidas alcohólicas xa que, aínda que aos adolescentes non lles dean entrada, van xa de adultos (ou polo menos coa idade legal) consumir baixo cuberto o que antes facían na rúa.

Un terceiro opinante defendía que o botellón é o resultado dun acordo entre o gremio de hostalaría- quería dicer bares , pubs e similares- e os gobernos locais, xa que cumprindo a normativa nen uns nen outros poderían permitir o que de maneira evidente consenten. Dicía este meu amigo que os gobernos locais queren así ser permisivos coa xente moza para ser mais’guays’ (si, xa sei que ‘guay’ xa non é ‘in’) e teren votos da mocidade. Sería a expresión parva do que se deu en chamar liberdade e dereitos. Algo así como o timo da estampita, tes liberdade para te embeberes até o coma etílico, pero non terás traballo para seres independente economicamente.

A última posíbel explicación: o botellón e a diversión de 9 ou 10 horas seguidas en horario preferibelmente nocturno é un adestramento para os horarios e as condicións de traballo que no futuro inmediato van desfrutar os mozos actuais, aquí ou na Cochinchina. Por desgraza máis ben na Cochinchina, xa que aquí poucas posibilidades se albiscan.

Comentarios