Bonxe muestra su olería

Pepa Lombao moldea unha peza baixo a mirada da súa sobriña Amalia. (Foto: Xesús Ponte)
photo_camera Pepa Lombao moldea unha peza baixo a mirada da súa sobriña Amalia. (Foto: Xesús Ponte)

Nos anos 50 do século XX case todas as casas de Bonxe (Outeiro de Rei) dedicábanse á olería. A paixón polo oficio de Indalecio Lombao fixo posible que a tradición perdure da man da súa filla Pepa, que vai abrir un museo coa obra dos seus predecesores. 


pucheiros, xeRRAS, olas, tazas, chocolateiras, candís, barreños... As mans dos oleiros de Bonxe tornearon pezas que durante moitos anos foron imprescindibles nas tarefas domésticas non só en moitos fogares da comarca de Lugo, senón noutras provincias galegas.

Na época de máximo esplendor do oficio nesta aldea de Outeiro de Rei, alá polos anos 50 do século pasado, en 58 das 60 vivendas daquela habitadas desenvolvíase de forma habitual este traballo, pero a chegada do plástico -que era máis económico, polo que desbancou as pezas do barro do mercado- fixo que os veciños tivesen que abandonar esta actividade, que xa non era rendible, «para dedicarse ao gando ou para emigrar».

Así o lembra Pepa Lombao, hoxe en día a única oleira en activo de Bonxe. quen ultima a apertura dun pequeno museo, coa axuda do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación, co que quere renderlle homenaxe aos seus predecesores.

Xunto ao obradoiro onde día a día moldea novas pezas, ademais de atender visitas de escolares e curiosos desexosos de descubrir este oficio, Pepa habilitou un local onde exporá o traballo dos seus conveciños, un proxecto no que conta tamén co apoio da súa sobriña Amalia Méndez.

Nesas instalacións, que espera abrir ao público o próximo ano, esta filla e neta de artesáns amosará unhas 40 pezas saídas dos fornos de Bonxe, algunhas delas con preto dun século de antigüidade. «O primeiro dato escrito da nosa olería é do ano 1850, pero meu pai sempre dicía que viña dos romanos, porque o forno era de construción romana», salienta.

Herdanza familiar

Precisamente, unha foto do seu pai, Indalecio Lombao, recentemente falecido, ocupará un lugar de privilexio nese museo. Non en van, a el hai que agradecerlle que a olería non chegase a desaparecer de Bonxe.

Trala irrupción do plástico, Indalecio tamén abandonou o oficio a finais dos anos 50. «Montou unha granxa pequena de vacún, pero el non era gandeiro por vocación, senón por obrigración, así que cando se xubilou retomou a olería», recorda.

Cando volveu sentarse diante do torno, aínda estaba en activo outro veciño, Manuel do María, pero a morte dese veterano artesán, hai uns 20 anos, fixo que recaese en Indalecio a responsabilidade de manter viva a tradición oleira en Bonxe.

O seu retorno coincidiu coa publicación a nivel nacional e galego de varias guías sobre as distintas escolas de oleiros, polo que as pezas de barro feitas de xeito artesanal «volvéronse poñer de moda», segundo explica Pepa. Indalecio no só conseguiu que a olería de Bonxe non desaparecera, senón que foi quen de transmitirlle o oficio á súa filla.

Pepa destaca, como mostra desa paixón de Indalecio, que seguiu modelando pezas, aínda que cada vez de forma máis esporádica, ata os 88 anos, dous antes do seu pasamento. «E iso a pesar de que as posturas para traballar son incómodas e o barro está frío», engade Amalia para ensalzar a dedicación do seu avó ao oficio.

Sobre os inicios profesionais, Pepa confesa que aínda que dende pequena viviu o oficio na casa, non foi ata os 20 anos, logo de rematar unha pequena aventura profesional en Barcelona, cando se decidiu a seguir os pasos do seu pai.

Logo de máis de 30 anos no oficio, Pepa recoñece que o mundo da olería cambiou moito. «Agora os artesáns que se forman nas escolas de artes aplicadas tenden a facer pezas exclusivas de máis valor, perdeuse o enfoque práctico que había antes», subliña, e engade que tamén cambiou o mercado, xa que se pasou de vender as pezas en feiras a colocalas en tendas especializadas en agasallos.

Porén, ela trata de mesturar tradición e modernidade no seu traballo, empregando barro recollido na zona para conseguir a cor característica da olería de Bonxe e, por outra banda, probando novas técnicas e sacando novas pezas.

Nesa teima por explorar novas vías, tamén acaba de crear un blog, pepabonxe.blogspot.com, para divulgar na rede o traballo dos oleiros de Bonxe. Neste caso resultou fundamental a axuda de Amalia, quen sacou adiante o proxecto e actualiza os contidos.

Sobre o futuro, Pepa di que a súa filla Elena está formándose no eido da comunicación, pero xa se estreou de nena no oficio, polo que non perde a esperanza de que no futuro tome o relevo. «Meu pai foi un home que quixo o seu oficio e foi quen de transmitirmo, espero que eu poida facelo tamén», di.

AFECCIÓN COMPARTIDA
Paixón pola música entre os artesáns

Pepa Lombao destaca que Bonxe non só foi terra de oleiros, senón tamén de músicos. Segundo explica, na súa participación en feiras especializadas descubriu que esa afección pola música era común entre outras persoas tamén dedicadas a oficios tradicionais. «En Bonxe uns aprendíanlles aos outros solfeo para poder ter banda no pobo», recorda Pepa, tralo que lamenta que «agora iso perdeuse».

Un músico na casa

Esta artesá explica que ela mesma foi testemuña desa dobre afección na veciñanza ao comprobar dende nena a paixón do seu pai Indalecio pola música, que o levou a tocar o saxo «case ata o último momento». Nesa liña, Pepa lembra con agarimo o «estrés» que lle entraba á súa nai «cando tiña que prepararlle a roupa para tocar as fins de semanas».

Comentarios