Bolchevismo

Coa venia, señorías. Despois de moitos séculos, por fin os xuices ameazaron cunha folga. Cansos das inxustas críticas recibidas logo do severísimo castigo que impuxeron ó xuiz responsable do caso ‘Mari Luz’, sopesaron a posibilidade de suspender temporalmente a súa actividade argumentando que carecen dos medios necesarios para realizar o seu labor. É agora cando se decatan.

Obviamente, os señores Touriño, Feijoo e Quintana suspenderán os seus actos de precampaña e a elaboración final dos seus programas electorais para volcarse nas peticións dos sempre probos responsables de tribunais. Lugo será, sen dúbida, un destino preferente tanto das solucións políticas como das principais demandas do colectivo xudicial. Lembremos que, na nosa cidade, teñen que traballar nas vetustas instalacións dos Xulgados e da Audiencia Provincial que máis parecen barracóns da Segunda Guerra Mundial que edificios adicados a impartir xustiza. Poucos traballadores de Lugo padecen semellante humillación laboral.

Tampouco podemos esquecer que os xuices de Lugo ven a súa vida en risco, ameazada por fenómenos criminais e mafiosos como os mundialmente famosos Dalton de Láncara ou o clan dos ‘gorrillas’ do Hospital Xeral. Rumoréase que Bin Laden podería estar en contacto con ámbolos dous.

Tal vez por causa do azar, a aparición das protestas xudiciais coincidiu no tempo coa folga encuberta doutros parias da terra e marxinados sociais: os pilotos de avións e as empresas aéreas.

Non sei se no aeródromo de Rozas se percibiu este movemento de tinte bolchevique, pero horas eran xa de que se poña fin ás tropelías sen número que padece o mundiño da aviación.

A acción reivindicativa, con barricadas e cócteis molotov incluidos, debe extenderse tamén ó resto de colectivos que sofren as consecuencias directas da crise económica e de anos e anos de abusos por parte dos máis poderosos.

Así, os notarios teñen que amosar que non van seguir aturando a postración na que viven e que os obriga a manter os aranceis de 1989, como se recolleu neste diario hai dez días. Non só se trata de actualizar as tarifas para poder sair da miseria en que viven, senon de restituirlles o que deixaron de gañar mentres existiron os corredores de comercio.

Neste tempo de crise económica non podemos dar de lado ós que máis sofren e que non son outros que xuices, notarios e pilotos. Os médicos tamén comezan a organizarse, así como os grandes empresarios. A revolución está en marcha e Lugo pode ser un dos
seus focos. Ás barricadas!

Comentarios