A boca pola lingua

Cando un servidor furga pola internet, entre as primeiras cousas que fai está ir á web de El Progreso (principalmente, sección Opinión) e ao incomparable blog (perdoen os desta casa, para tal preferencia miña non parece haber emenda) As uvas na solaina. Alí, nunha demorada tertulia hai meses, certo estimadísimo participante aludira aos filólogos utilizando a expresión que titula este artigo, caracterizándonos logo coma unha especie -disimulen- de invertidos. Porque ao resto dos seres humanos váiselles, en todo caso, a lingua pola boca.

Referíase o conviva ao gusto ou atracción fatal que a linguaxe e as súas circunvolucións exercen sobre nós, os que os cataláns denominan lletraferits. A fascinación, así e todo, non nos outorga inmunidade ao erro lingüístico, igual aínda é peor. No meu artigo anterior, por exemplo, determinada pasaxe descoidada parecía suxerir que Joaquín García Díez era alcalde no 1991, cando a aprobación do PXOU autorizaba urbanizar no contorno do Parque Rosalía. Descúlpeme el, e vostedes, ben sei que non era, don Joaquín entrou na corporación en maio daquel ano como edil.

Se o amor ou preocupación conferisen acerto, todos habiamos ser infalibles en algo; como non, quedan interese e desacougo, que non é tan pouca cousa. O meu idioma, en compensación por andar en menos bocas, ocupa como tema máis titulares de prensa; pírrico balance. Neste remate de lexislatura toca campaña adversa, ou ás veces información desconcertante. Bo é, porén, que se fale, dános pé para seguir falando.

Verbi gratia. O deputado Bieito Lobeira presentou demanda para fomentar o uso de nomes en galego e restitución de apelidos a forma máis acorde co seu carácter. Estou ben conforme, aínda aceptando que cabe a disensión: por exemplo, a forma Feijoo é histórica, pronunciando a j coma en francés e galego antigo; tal podería ser, tamén, o caso de Ameijeiras, ambas citadas polo parlamentario. Porén, sendo lingüística e xenuinamente galegas, a pronuncia e ortografía moderna aconsellaría mudar a Feixoo e Ameixeiras. Unha crónica ou noticia de prensa indicaba que o nacionalista esquecera citar os apelidos dos conselleiros de Innovación e Medio Rural, e erraba aí quen a fixo: Canal é perfectamente galego, o apelido Blanco ben puido vir de fóra; non se pretende, supoño, darlle a todo unha man de pintura enxebrizante nin borrar a imaxe e memoria dos que veñen para o país. Vaia choio non terían os adaptadores de Aymerich e Jorquera.

Comentarios