Bisté con patacas

NA DEPUTACIÓN de Guipúscoa fixéronlle esoutro día algo así coma un acto de desagravio a un carniceiro de Irún, suponse que en compensación pola chea de contrariedades que veu padecendo por causa do positivo por clembuterol que lle custou ao ciclista Alberto Contador dous anos de sanción e a perda dalgúns dos títulos que gañara e que o deportista atribuíu á inxesta dun bisté contaminado que proviña do establecemento irundarra do que é propietario o agora homenaxeado polas autoridades da súa provincia, acusación que, ao parecer, non se correspondía coa realidade xa que o entrecosto ao que se pretendía culpar da desfeita estaba limpo de calquera substancia estimulante non recomendable. O carniceiro, polo que na televisión se puido ver, quedou bastante compracido coa festa que lle fixeron pero non co tratamento que algunhas persoas e algúns medios de comunicación lle deron ao caso durante o tempo que durou o proceso, poñendo en dúbida a calidade -e mesmo a salubridade- do entrecosto que el despacha, algo que, asegura, prexudicou en bastante medida o seu negocio e polo que está disposto a levar o asunto aos tribunais de xustiza para que lle sexa devolta a honra profesional e tamén, claro, os cartos que deixou de gañar por esa causa.

Supoño que fai ben, pero o que non sei eu moi ben é se este no que andamos será o mellor momento. Os xulgados, din, están saturados, as xuízas e mais os xuíces sobrecargados de expedientes e segredos de sumario, avogados e avogadas inmersos na procura de estratexias de defensa e ataque, uns e outros á busca de documentos e testemuñas que axuden nas súas pretensións, os encargados de investigar estas cuestións ocupados en atender ordes dun lado e outro -e mesmo, ás veces, de promulgalas con maior ou menor acerto- e os que pretenden informar do tema botando a pacer a imaxinación para que pareza que é verdade que saben algo... E todo isto nun ambiente de alarmantes fallos de memoria, esvaecida difusión xeográfica de contas bancarias descoñecidas dos seus titulares, ensaiada práctica do vello xogo de andar pasando o morto desde o fardelo do máis poderoso ao do que menos pode, insólito andazo de esquecementos familiares e sociais, práctica variada de engraxamentos e recepcións ocultos e unha chea de insistentes «eu non fun» que mesmo poderían levar aos acusadores do carniceiro a acabar por lle botar a culpa de canto malo lle aconteceu ao laureado ciclista ao aceite andaluz da fritida ou ás patacas da Limia do acompañamento e axudar así a que teñan máis facilidades os guionistas dos programas de monicreques da televisión francesa.

Se cadra deixando pasar o tempo...

Comentarios