Bieito Romero: "Non é doado que te escoiten en tantos países e aínda menos en galego"

Luar na Lubre actúa o vindeiro día 25 en Burela, no que será o seu segundo concerto na localidade. Farao dentro da programación da feira do libro e no marco da xira de celebración do seu trixésimo aniversario na que interpretan unha selección dos seus temas máis populares.
Bieito Romero
photo_camera Bieito Romero

O LUBRE era aquel bosque encantado donde fluía a vida, sagrado para os celtas. Así de máxica é tamén a música da banda na que Bieito Romero leva unha chea de anos portando con orgullo a historia da súa terra por todos os recunchos do mundo. Luar na Lubre cumpre trinta anos de ritmos e cantigas cunha xira que o próximo venres 25 terá cita no auditorio de Burela. Dende O Son do Ar ata as Memorias da noite, esta banda que conxuga sons da Galicia fixo de mensaxeira para toda unha cultura.

Aniversario é unha xira que conta cunha selección especial de temas pero, haberá algunha novidade máis, como as colaboracións do último traballo?
No noso último disco o máis novidoso foi a colaboración con Ismael Serrano, pero neste XXX aniversario o que queremos é poñer en valor a nosa dedicación durante tantos anos. Trinta anos indican moita traxectoria, facendo historia e música durante moito tempo, e non se está tendo en conta este factor. Non aparecemos nos medios. Temos actuado en máis de trinta países, pero iso non vai aparecer nos xornais, nin na radio, menos na televisión, por iso nesta xira queremos potenciar e valorar que estamos sendo recoñecidos a nivel internacional en moitísimos sitios, e que somos o grupo de música galega que actualmente ten máis percorrido. Non é unha tarea doada conseguir que te escoiten en tantos lugares tan diferentes, e aínda encima estámolo facendo cunhas letras íntegramente en galego, pero que se escoitan e entenden con moita claridade.

En que momento se encontra a música galega?
Valórase máis fóra. Na Galicia non hai apoio nin recoñecemento, e se non sabemos o que temos na casa... pero iso non quere dicir que ninguén nos siga. Hai xente que sabe o que facemos o hai xente que prefire outras alternativas, o cal é totalmente lexítimo, pero o certo é que o noso traballo ten máis prestixio fóra.

"Internet é unha oportunidade, pero o importante é como te considere a xente que está ao teu lado"


Internet non é unha opción de ampliar horizontes para a música?
É unha oportunidade, como calquera outra. Pero o importante é como te considere a xente que está ao teu lado. Neste caso, en Galicia hai un menosprezo coa música propia da nosa terra, e internet non vale para nada se non se valora o teu traballo aquí.

Entenden a súa traxectoria como un colchón no cal respaldarse ou é máis ben un elemento de presión á hora de facer novos traballos?
É as dúas cousas... é un respaldo, pero en base á nosa traxectoria. Temos premios porque a xente respondeu, porque gustamos. Luar na Lubre é un grupo recoñecido, o problema é a falta de apego institucional.

Nesta xira estiveron en varios puntos da península, como Almería, Granada, Madrid, Barcelona ou Oporto, pero tamén en México. Por que elixiron este destino?
Nós vimos de facer unha xira importantísima polo Estado Español, e pasa desapercibida, cando iso ten un impacto. Noutras ocasións temos tocado en Canadá, nos Estados Unidos, en Brasil, Cabo Verde... prácticamente estivemos en todos os países menos na zona de Oceanía, e con éxito. Nós non decidimos os lugares aos que imos, a xente lévanos.

E ademais agora contan cunha nova vocalista, Belém Tajes. Que aporta á banda esta artista que bebe de estilos como o soul e o blues?
Cada vocalista que pasou polo proxecto que é Luar na Lubre foi boa, senón non terían participado nel, e no caso de Belém ocurre o mesmo. Normalmente buscamos cambiar, renovar a imaxe do grupo, e para iso buscamos perfiles que non sempre seguen un patrón igual. Buscamos matices, cores vocais distintos, e Belém resultou unha opción moi interesante. Hai que romper coa monotonia para que este proxecto non se convirta nunha cara ou nunha voz. Tamén temos renovado aos instrumentistas, pero esos cambios non se soen advertir tanto. De feito, nestes trinta anos pasaron polo grupo ata cinco vocalistas e do proxecto inicial, tan só quedamos dúas persoas.

"Tratamos de mostrar que somos un lugar cunha cultura propia, non somos mellores nin peores, só distintos"


Cada terra evoca un sentimento. Este transfórmase en arte e unha das disciplinas do arte é a música. Que transmite Galicia na música que vostedes interpretan?
Galicia é a filosofía do grupo. A forma de pensar, a historia... nós tratamos de mostrar que somos un lugar cunha cultura propia. Non somos peores nin mellores. Non somos distintos pero ao mesmo tempo sí. Por iso queremos poñer á cultura galega no lugar que lle corresponde, e facer dela algo universal, con respecto e sen desprestixiar a ninguén.

Na súa discografía menciónase constantemente á Costa da Morte, pero si foran a facer unha melodía sobre A Mariña, que lles evocaría este anaquiño da Galicia?
É unha zona moi interesante, porque é o norte de Galicia, e porque ten un folclore particular. Tamén se encontra máis preto do resto da cultura celta que hai en Europa. Para nós será a segunda vez que actuamos en Burela, polo que tentaremos darlle á nosa actuación un toque de cor, que a xente desta zona se sinta máis identificada co noso proxecto e a nosa música.

Comentarios