Bica o anel, carafio; que me vas arruinar o proceso!

Pelúdez explica ao bispo os seus plans de futuro e a familia pasa a tarde no feiral
A miña dúbida é...
photo_camera A miña dúbida é...

A FAMILIA viña de facer unhas compras de roupa pra Piliña na compaña da Reborita das Arieiras, que era a que puña a pasta. Elas entraban nos comercios, o Peludeciño quedaba na porta e o Pelúdez aproveitaba os tempos mortos pra saudar á xente que vía polas rúas.

Daquela deu en pasar o siñor bispo de Lugo e como non podía ser doutro xeito, o home abalanzouse cara ao prelado de dúas zancadas.

-Don Afonso! Agarde un intre, que lle quero facer un consultorio de doutrina, se mo premite.

-Como non, Pelúdez! Vostede dirá.

-Vaille parecer un anaco precimpitado, pero gustaríame saber os requesitos que esixen nas bieitificacións.

-Comprendo. Coñeces algún caso notable e queres que eu o propoña á Congregación pras Causas dos Santos, porque somos os bispos os encomendados a tal fin.

-Máis ou menos. O caso notable, vou dicirllo en confesión, son eu. Xa sei que teño que estar morto, pero é por deixar o choio encarreirado. Levo 107 anos venerando aos santos, moi especialmente a San Freilán; nunca mal fixen a ninguén, aturei 56 anos do Trapacero e vinte máis deste, fun cumpridor do preceuto e santifico as festas como o primeiro... pero a miña dúbida é se teño que aconchegar algún certificado dos meus milagres.

-Pero Pelúdez! - alporízase don Afonso - Se ti aínda es un festeiro de ruada! Xa te vin onte facendo de Gene Kelly no farol!

-Si, si; pero o tempo pasa moi axiña e logo os que quedan non moven os papeis.

-E que milagres tes feito?

-Moitismos! O máis célebre, agás o da lonxevidade, foi cando multipliquei os peixes e dunha ración de cienfalópodo xantamos cinco.

-Está ben, ti non te preocupes e segue a ser unha boa persoa, que xa avisarei eu á Congregación cando sexa mester.

Daquela volven os que estaban a mercar e todos bican o anel do bispo, agás o Peludeciño, que recibe a admonición do pai.

-Bica o anel, carafio; que me vas arruinar o proceso!

O bispo marcha moi ledo de deixar atrás a aqueles personaxes e Pelúdez vólvese cara eles abrindo os brazos.

-Queridos irmáns, logo de que xa rematastes co bo labor de dar de comer ao comercio lucense, imos ir ben xuntiños a escoitar a Banda Municipal, que tamén concede endulxencias.

-Que lle pasa ao pai? - pregunta a Vanesa ao Peludeciño.

-Nada, que ten o día místico.

Escoitamos ben de zarzuelas e logo o Jarrison fixo globoflexia no Seminario. Como o único que lle saían eran chourizos, un detrás doutro, colle un globo o avó e comeza a dobralo como facía o monitor.

-Ides ver como se fai un can salchicha moi doadamente.

Cando o globo vai camiño de semellar un butelo da Fonsagrada, estóupalle nos fociños e o home queda chafado.

-Agora mesmo víñanme as ganas de botar un pecado, pero non o vou facer por se supuxese un borrancho no meu expediente santificatorio.

E saíndo do Seminario, remoe polo baixiño:

-Cajo no inventor da globística!

Aínda que persistía a ameaza de chuvia, os Pelúdez colleron a rota do feiral, que aínda non o pisaran e o Jarrison xa non podía cos nervios.

Quixo montar en todo canto aparello había e o xeito do avó de achegarse á taquilla sempre foi o mesmo.

-Está ben, pago eu - dicía cos ollos postos na Reborita.

A muller séntese aludida e reacciona.

-Non, pago eu, que tamén é meu neto.

-Ah! Pois logo paga ti.

E así cinco ou seis veces, ata que na derradeira, perto xa da noite, a Reborita queda calada e hai uns intres de tenso silenzo. Logo vai ela e di:

-É meu neto, pero ten máis avós.

Polo que o Pelúdez tira do peto dicindo:

-Deixade que os nenos se arrecontronicien a min, porque deles e meu será o reino dos ceos.

-É un santiño! -suspira a Filo.

-Si - engade a consogra -, cotroso, pero santiño.

De remate, os novos foron aos Liviao de Marrao, que son de Chantada, e os menos novos, aos Foolmakers, que son de Lugo.

Comentarios