Biblioteca de premio e moito máis

O Ministerio de Educación concedeulle un recoñecemento ao proxecto educativo do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz
Manifestación literaria en Guitiriz
photo_camera Manifestación literaria en Guitiriz

Corría o ano 2006 cando a biblioteca do IES Poeta Díaz Castro iniciaba a súa transformación ao abeiro do Plambe. Comezábase a andar entón un camiño que vén de acadar unha importante meta, o Premio Nacional de Educación na modalidade de Desenvolvemento de Competencias de Lectoescritura e Audiovisuais polo seu proxecto ‘IES Poeta Díaz Castro: A Lus do Mundo’.

O ritmo foise intensificando co paso dos anos, ata que o poeta do Vilariño se converteu no punto de inflexión necesario dunha iniciativa que ante todo persegue «fomentar o traballo fóra da aula», tal e como resume Santiago Dans, profesor de Historia e responsable da biblioteca.

A coordinación entre departamentos e a implicación do alumnado, xunto co integración no contorno, na vida da vila, son as claves dun ideario que se materializou en catro proxectos que conflúen: os traballos continuos na biblioteca, o documental ‘A Lus do Mundo’ (2013), a película ‘Os camiños esquencidos’ (2014) -premiada no Ouff Escola 2015-; e dous roteiros didácticos, guiados polos propios alumnos.

‘A frábrica de poetas’, que son xogos literarios pola vila de Guitiriz, e ‘Un neno de aldea’, unha serie de exercicios no lugar do Vilariño, teñen espírito de continuidade. Fixeronse test con propio alumnado, con estudantes de Turismo ou con veciños de Guitiriz e en breve esperan comezar a recibir visitas doutros centros educativos.

Co gallo de conmemorar este recoñecemento, o instituto clausurou o primeiro trimestre coa proxección de distintos audiovisuais nos que se lle amosaba aos novos alumnos e sobre todo, ás familias, boa parte do traballo desenvolvido ata o de agora, coma a romaxe celebrada no Vilariño, as presentacións das películas na Coruña ou en Lugo, os vídeos gravados no centro ou o significativo peso da música en todo este proceso.

«Todo comezou con ‘Penélope’» di Sandra Tenreiro, a profesora de música do instituto, que leva musicados dez poemas de Díaz Castro que, interpretados polos alumnos, xa son himnos no centro. E de Xosé María pasaron a Manuel María, porque o peche do acto foi a apertura dunha nova porta creativa: presentaron un audiovisual a partir do poema ‘Idioma meu’, que Sandra musicou e os estudantes plasmaron en imaxes.

A «educación activa, integradora e viva» é o sinal de indentidade do instituto guitiricense, un centro que ten por bandeira a innovación educativa e que comeza a ver os froitos «dun traballo de moitos anos e sobre todo dun traballo en equipo», tal e como salientaba o alumando de segundo de Eso, encargado de presentar acto.

Comentarios