Berlanga na universidade

O TÍTULO da película era ‘Sente un pobre na mesa’. Ao final foi ‘Plácido’. Esta obra mestra, crítica e ácida, constituíu un devastador retrato social da España dos 60. García Berlanga redivivo senta agora nunha aula universitaria para reescribir o guión dun país que críamos enterrado. Pero alguén atopou as sete chaves para abrir de novo o sartego do Cid. Esmorece o Estado e volven as damas do roupeiro. Caridade versus xustiza, soupa na porta do convento.

O Estado, engordado cos impostos de todos, recorta salvaxemente en educación pero axuda á banca. É demoledor que no saqueo masivo das caixas de aforro non coñezamos un só caso de dirixentes de moral distraída que levaban a cabo con total impunidade unha irresponsable política de retribucións... que devolvan o rapinado e acaben onde deben: no cárcere. Para aviso de navegantes. Estes directivos de soldos delincuentes non merecen ningún reproche social de Sandro Rosell, patrón de patróns. Ferocísimo recortador de dereitos sociais, abofetea sempre nas mesmas meixelas: traballadores, sanidade e educación públicas, investigación, universidade.

Velaí o gran Berlanga co sorriso retranqueiro escribindo novos guións: ‘Sente un universitario pobre na mesa’. O dereito á educación confundido con algo aleatorio e humillante como a caridade. A ninguén se lle impide que exerza o mecenazgo pero, como recorda o anterior ministro de educación Ángel Gabilondo, a equidade non pode depender da filantropía. Na Marca España non colle boa parte da ciencia e da investigación: ‘Que inventen eles!’, repite Unamuno sen decatarse de que o malgasto en cerebro é antieconómico. Mentres o CISC afoga a falta de 75 millóns de euros, o 2-VIII o goberno aprobaba 840 millóns para a empresa privada. Entretidos con Xibraltar, ninguén se entera de que España vai desaparecendo dos comités científicos internacionais como o ICSU.

30.000 universitarios poden ser expulsados da universidade. O prezo asequible das matrículas, similar ao doutros países europeos, compensaba un sistema de becas miserable. 0,1% de gasto en axudas aos estudos universitarios en España fronte ao 0,3% na OCDE. Así, o dereito á educación convértese en beneficiencia. A excelencia depende da carteira e non do cerebro. Un Estado en retirada ante os poderes económicos non é paraugas que protexe a todos. Do mesmo modo que os nenos do terceiro mundo aprenden a poñer ‘cara de ONG’ diante dun fotógrafo, ao mellor convén ensinar a poñer ‘cara de universitario apadriñado’ cando aparece un potentado.

Berlanga sorrí porque vén de entrar na aula unha señora moi aseñorada. Abre o bulso ostentosamente, para que a man esquerda non se entere do que fai a dereita. Saca un sobre, marrón, que entrega a Berlanga. Para apadriñar un universitario.

Comentarios